Inicio Galicia Sanidade presenta aos profesionais sanitarios o Plan para a reactivación progresiva da...

Sanidade presenta aos profesionais sanitarios o Plan para a reactivación progresiva da asistencia en atención primaria

0

O Plan de Reactivación Asistencial foi deseñado coas achegas de colexios profesionais, sociedades científicas e asociacións do eido sanitario


O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, presentou esta mañá -telematicamente- aos profesionais sanitarios o Plan de Reactivación Asistencial en Atención Primaria, en relación coa infección pola Covid-19, que elaborou a Consellería de Sanidade en colaboración cos diferentes colexios profesionais, sociedades científicas e asociacións do eido sanitario.

Na compaña do xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, e os membros do Co-mité de Xestión da Crise Asistencial pola Covid-19: o médico de familia da área sanitaria de Lugo, Benjamín Abarca Buján; o médico de familia da área sanitaria de Ourense, Xosé Luis Muiño López-Álvarez; e a enfermeira da área sanitaria de Santiago, Ángeles Mera Cornes; o director xeral de Asistencia Sanitaria debullou a estratexia confeccionada polo Sergas e que se ha desenvolver dun xeito progresivo, desde o momento actual até o vindeiro mes de xuño. Así, o Plan de Reactivación da Asistencia da Atención Primaria establece un conxunto de medidas coas que se procura optimizar o funcionamento dos centros de saúde namentres perdure a pandemia.

A Atención Primaria xoga un papel relevante dentro da fase de recuperación da norma-lidade, e será estratéxica a detección precoz de novos casos de contaxio. Porén, e co fín de evitar unha nova onda epidémica, ante a mínina sospeita de infección por Covid-19, os propios médicos de familia poderán solicitar a realización das PCR as súas unidades hospitalarias de referencia.

Entre as medidas definidas, destácanse a potenciación da atención telefónica, a citación espallada de pacientes para evitar aglomeracións nos centros de saúde, o impulso da atención domiciliaria e o teleseguemento, ou a limitación do acceso de persoas nos centros de saúde e control do seu aforo que, por motivos de seguridade, continuará a verse limitado.

Un Plan de Reactivación Asistencial flexibleO Plan de organización asistencial gozará dunha flexibilidade que lle permitirá adaptar-se de acordo á situación epidemiolóxica existente en cada área ou territorio, contando, así mesmo, con diferentes escenarios, segundo sexan as necesidades.

Así, cada centro de atención primaria contará, polo menos, cun responsable de xestión do coronavirus e, na medida do posible dous (persoal médico e de enfermería). Asemade, tamén haberá un profesional de referencia especializado en centros sociosanitarios.

Do mesmo xeito, e coa intención de evitar a propagación do coronavirus, cada centro sanitario procurará contar con dous circuitos diferenciados; un destinado aos pacientes Covid, e outro, para o resto de doenzas. Non obstante, se as dimensións dos centros sanitarios non permitisen esta diferenciación, valoraríase a posibilidade de atender comarcalmente aos pacientes con sintomatoloxía Covid.

Respecto das axendas profesionais, segundo avancen as fases, o persoal sanitario irá recuperando as actividades suspendidas polo xurdimento da pandemia mediante unha avaliación continua. Así, corresponderalle a cada servizo de atención primaria a reorganización das devanditas axendas en función das necesidades. Cabe subliñar que, a recuperación das actividades programadas prestará especial atención aos pacientes máis fráxiles ou vulnerables, e tamén porá o foco naqueles casos en que, por mór da pandemia, se lle supenderan unha ou máis citas.

Entre as medidas que achega o plan, inclúense as que se abordarán dun xeito específico nas diferentes especialidades sanitarias como son: a atención pediátrica, que manterá un circuíto diferenciado; a atención obstétrica, cuxas consultas prenatais e puerperais realizaranse preferiblemente de xeito telefónico; as unidades de saúde bucodental, que retomarán progresivamente as actividades programadas con equipos de protección individual integrais; as unidades de fisioterapia, que recuperaran a súa actividade seguindo criterios de prioridade patolóxica e menor risco de contaxio; a atención farmaceutica, que mesturará a atención telefónica e presencial procurando evitar desprazamentos innecesarios aos centros sanitarios; e as unidades de atención de traballo social sanitario, que se centrarán na detección proactiva de pacientes en situación de risco e exclusión social.

O Plan de Reactivación Asistencial tamén procura impulsar a detección precoz de novos casos en atención primaria e, para elo, continuará a informar á poboación das medidas de prevención máis axeitadas en cada momento.

Sanidade fomentará o seguemento compartido dos datos de pacientes Covid-19 entre a atención primaria e a atención hospitalaria e, ademais, actualizará a formación dos profesionais da atención primaria no manexo clínico de pacientes Covid-19. Así, ante un posible caso de Covid-19, activarase un protocolo de atención non presencial no que se identificaran aos contactos máis estreitos da persoa contaxiada e, de ser preciso, sinalaraselles a necesidade de gardar corentena domiciliaria durante 14 días.

Medidas de seguridade para o persoal sanitario e non sanitario dos centrosNo eido da prevención dos riscos laborais, os centros de saúde estarán dotados do material necesario para a protección individual dos traballadores, contando cunhas EPI’s proporcionais e axeitadas aos riscos aos que se deban expór os profesionais do centro.

O Plan de Reactivación Asistencial da Atención Primaria, aposta por darlle continuidade ás actividades formativas e informativas dirixidas ao persoal sanitario e non sanitario dos centros de atención primaria, co obxecto de mellorar os protocolos de actuación ante a aparición de posibles casos de Covid-19.

Porén, as xerencias de cada unha das áreas sanitarias continuarán difundido os protocolos de actuación establecidos polo Servizo Galego de Saúde e adoptarán cantas medidas sexan precisas para que o número de profesionais expostos á Covid-19 sexa o mínimo imprescindible. Así, os espazos definidos para a atención de casos de coronavirus deberán manterse en circuitos diferenciados e, se é posible, estar emprazados en lugares próximos á entrada do centro.

No caso de que un paciente acuda a un centro sanitario con sintomatoloxía Covid-19, este deberá colocarse unha máscara cirúrxica e, de non facelo dun xeito proactivo, os profesionais do centro indicaranlle da obriga de protexerse coa mesma. Sobre este particular, os pacientes que evidencien sintomatoloxía Covid-19, deberán ser separados do resto de pacientes e, asemade, ser dirixidos de forma inmediata ás zonas habilitadas para os pacientes Covid-19. De acordo con isto, durante as primeiras etapas da reactivación asistencial manteranse os equipos específicos creados para a atención dos pacientes con sintomatoloxía Covid-19 pero, na medida en que as circunstancias o permitan, estes grupos de profesionais irán retomando paseniñamente as actividades asistenciais previas á pandemia.

Finalmente, e dentro das estratexias deseñadas para aos espazos sanitarios, compre destacar que se intensificarán as tarefas de limpeza e desinfección tanto das estancias dos centros como dos diferentes equipos de traballo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre