Inicio Galicia Sanidade pon en marcha o protocolo de actuación da profilaxe pre-exposición ao...

Sanidade pon en marcha o protocolo de actuación da profilaxe pre-exposición ao VIH para persoas que teñen un elevado risco de contraer a infección

0

A persoa que desexe participar no programa debe solicitar unha cita na súa consulta médica de atención primaria ou na consulta hospitalaria de VIH

A Consellería de Sanidade vai poñer en marcha, dende o vindeiro luns, o protocolo do programa de implementación da profilaxe pre-exposicion (PrEP) ao VIH na nosa Comunidade. Trátase dunha intervención biomédica dirixida a previr a transmisión da infección por este virus en persoas seronegativas que teñen un elevado risco de contraer a infección. A pauta, aprobada pola Axencia Europea do Medicamento, consiste na administración diaria dunha pílula, que contén dous fármacos antirretrovirais.

Sanidade subliña que a oferta da PrEP debe acompañarse dun paquete de medidas preventivas dirixidas a mellorar a adherencia e a adoptar comportamentos de menor risco. Entre estas medidas destacan unha educación sexual integral; a promoción do uso do preservativo; a reducción de danos mediante a inxección hixiénica de drogas e os programas de intercambio de xiringas; o tratamento substitutivo de opiáceos; o diagnóstico e tratamento precoz da infección polo VIH, o cribado doutras infeccións de transmisión sexual; e a actualización do estado vacinal.

Poboación destinatariaA poboación destinataria deste protocolo son os homes que teñen sexo con homes e persoas transexuais seronegativas para o VIH, adultas, que cumpran, polo menos, con dous dos seguintes criterios: máis de 10 parellas sexuais diferentes no último ano; practicar sexo anal sen protección no último ano; uso de drogas asociado ao mantemento de relacións sexuais sen protección no último ano; administración da profilaxe post-exposición ao VIH en varias ocasións no último ano; ou ser diagnosticado polo menos dunha ITS bacteriana no último ano.

Tamén será poboación destinataria as persoas que exercen a prostitución seronegativas que refiran un uso non habitual do preservativo.

Desenvolvemento do programaA persoa que desexe participar no programa da PrEP debe solicitar unha cita na súa consulta médica de atención primaria ou na consulta hospitalaria de VIH dos 7 grandes hospitais do Sergas (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol). O persoal médico de primaria que reciba a solicitude dunha persoa para participar no programa ofertará, primeiramente, a proba do VIH e dará consello preventivo. Unha vez recibido o resultado da proba de VIH, derivará á persoa solicitante á consulta hospitalaria do VIH. Se o resultado da proba fose positivo, a derivación farase para iniciar o seguimento médico e o tratamento antirretroviral da infección polo VIH. Se fose negativo, a derivación farase para valorar a inclusión da persoa no programa PrEP.

O desenvolvemento do programa é multidisciplinar e o equipo médico e de enfermería das consultas hospitalarias de VIH traballarán en conxunto na organización e desenvolvemento das actividades do mesmo.

Cómpre remarcar que diferentes entidades nacionais e internacionais recomendan o uso desta ferramenta preventiva dentro dunha intervención combinada. Esta recomendación baséase na evidencia achegada por estudos que avalan a efectividade desta intervención cando se mantén unha correcta adherencia ao tratamento.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre