Inicio Galicia Sanidade insta aos concellos da Mariña a velar polo cumprimento das medidas...

Sanidade insta aos concellos da Mariña a velar polo cumprimento das medidas de control, vixilancia e limpeza establecidas por mor da covid-19

0

O departamento sanitario da Xunta reuniuse cos rexedores de Foz, Burela, Xove, Ribadeo, Cervo e Viveiro, para reforzar la colaboración a participar no control e vixilancia da pandemia

A Consellería de Sanidade mantivo esta mañá unha reunión -telemática- cos alcaldes e alcaldesas dos concellos de Foz, Burela, Xove, Ribadeo, Cervo e Viveiro para solicitarlle novamente a súa colaboración, que xa están prestando, á hora de velar polo cumprimento das medidas de control e vixilancia establecidas por mor da Covid-19.

Co obxectivo de fortalecer a prevención de contaxios na comarca e ademais garantir o cumprimento das medidas hixiénico-sanitarias establecidas pola irrupción do coronavirus, o departamento sanitario galego revisou cos mandatarios destes concellos da Mariña lucense un conxunto de medidas coas que garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía.

Lembrouse a necesidade de cumprir unha serie de medidas de hixiene e prevención no conxunto das actividades que teñan carácter público, ademais doutras normas como poden ser as vencelladas ao control do aforo dos establecementos ou outras actividades que se desenvolvan abertas ao público. Neste senso, apuntouse que todas elas deben respectarse para contribuír ao mantemento da distancia interpersoal de seguridade e así evitar as aglomeracións de clientes e/ou usuarios.

Destacouse o uso obrigatorio da máscara dun xeito xenérico, en espazos cerrados de uso público, agás se se está sentado coa distancia de seguridade interpersoal co resto das persoas usuarias sentadas; ou sempre que se transite o se estea en movemento pola vía pública e en espazos ao aire libre e que, pola concorrencia doutras persoas, non se poida garantir en todo momento a distancia de 1,5 m.

Do mesmo xeito, o departamento sanitario da Xunta de Galicia incidiu en que, ante á necesidade de garantir a protección da saúde da poboación, as autoridades sanitarias -entre as que se inclúen os alcaldes-, poderán, tras ter informado a súa poboación, incoar expedientes sancionadores, no caso de incumprirse as normas de prevención establecidas.

Porén, a Consellería solicitou a colaboración dos concellos no control e vixilancia do cumprimento das medidas ditadas, convidándoos, de xeito que quede garantido, por unha banda, que a cidadanía evite comportamentos que xeren riscos de propagación da enfermidade e, por outra, que as actividades que poidan dar lugar a unha transmisión comunitaria, se desenvolvan nunhas condicións que permitan en todo momento previr os riscos de contaxio.

Así, lembrou que as persoas que sexan consideradas como un caso sospeitoso de infección por Covid-19, xa estean pendentes dos resultados de probas diagnósticas, ou ben sexan casos positivos confirmados, deberán seguir as indicacións de illamento ou corentena que lle sexan sinaladas desde os dispositivos asistenciais ou desde saúde pública, sen poder abandonar o seu domicilio -ou lugar de illamento-, agás autorización expresa do servizo sanitario.

Por parte da consellería de Sanidade, participaron na xuntanza: o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández Campa; o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares; o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal; o subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada; o xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares; a xefa territorial de Sanidade de Lugo, Begoña Seco; e a xerente do distrito sanitario da Mariña, María José Cortés.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre