Inicio Galicia Sanidade eleva os niveis de restricións no concello do Carballiño

Sanidade eleva os niveis de restricións no concello do Carballiño

0

Desde as 00,00 desta noite aplicaránselle as medidas de nivel 3, que inciden nos temas da ocupación e aforo en hostalería

A Consellería de Sanidade decidiu elevar o nivel de restricións no concello do Carballiño e aplicarlle as medidas do nivel 3. Así o decidiu logo da xuntanza do subcomité clínico que tivo lugar hoxe e na que se fai seguimento da evolución da covid-19 en Galicia.

Deste xeito, aumentan as restricións xa existentes no concello e estará prohibido que bares e cafeterías poidan servir no interior, limitándose a atender nas terrazas a grupos de 5 persoas. Os restaurantes poden servir no interior, a un máximo de 5 persoas por mesa.

Estas medidas publicaranse hoxe no DOG e entrarán en vigor dende esta medianoite.

Tras analizar a situación epidemiolóxica da covid-19 na comunidade, o subcomité clínico non considerou necesario establecer novas restricións noutras zonas, agás as xa mencionadas no concello do Carballiño. Deste xeito, a día de hoxe, Ourense, Barbadás e O Carballiño están en nivel 3, coas restricións de hostalería anteriormente ditas, ademais da prohibición de xuntanzas de persoas que non vivan xuntas e engadindo a redución da mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás.

No nivel 2 de restricións continúan os concellos de Santiago, Lugo, Pontevedra, Ortigueira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Meis, Poio, Marín, Cambados, Sanxenxo e as comarcas de Allariz, Ourense (agás concello de Ourense e Barbadás), O Ribeiro, O Carballiño (agás concello do Carballiño), Verín e Valdeorras, así como no Milladoiro (Ames)Entre estas restricións xerais deste nivel destacan a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros. Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto. Ademais, no concellos de Verín e O Barco de Valdeorras, e na comarca do Carballiño tamén están prohibidas as xuntanzas de persoas que non vivan xuntas.

Con estas medidas, a intención de Sanidade é poder actuar de xeito más selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta. É por isto que, fronte ás medidas adoptadas para toda a comunidade autónoma dende o principio da pandemia, quérese agora acoutar o máis posible, podendo restrinxirse e regularse determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre