Inicio Galicia Sanidade detecta outros dous positivos máis que elevan a 35 os casos...

Sanidade detecta outros dous positivos máis que elevan a 35 os casos de coronavirus do brote de A Mariña

0

As probas realizadas ata esta mañá confirman outros dous casos máis relacionados co brote de A Mariña

A Consellería de Sanidade informa que, nestes momentos, segundo as probas realizadas ata esta mañá, confírmanse outros dous casos positivos de persoas afectadas por Covid-19 no brote de A Mariña, o que eleva a 35 o número total de casos detectados pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.

O primeiro caso de infección por covid-19 detectouse na tarde do martes 23 de xuño, no concello de Xove. A partir desta confirmación inicial, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos das persoas que se foron vendo afectadas. Ata o momento, mediante as probas realizadas (máis de 500 PCR en total) confírmase a existencia de 35 positivos en covid-19 relacionados con este brote.

Desde a detección do primeiro positivo, activouse de forma inmediata o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos das persoas que deron positivo, actuacións que se seguen a desenvolver nestes momentos, pois tanto a Consellería de Sanidade como o Servizo Galego de Saúde seguen a investigar e a rastrexar todos os contactos dos novos positivos, así como a adoptar todas as medidas necesarias para o eficaz control do brote. Ata o momento lévanse realizadas máis de 500 PCR.

Dos 35 casos positivos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Dúas persoas con resultado positivo están ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.

A Consellería de Sanidade segue a investigar posibles contactos dos novos positivos que van xurdindo.

O departamento sanitario da Xunta actuou, e segue a actuar, con absoluta dilixencia e rapidez dende o primeiro momento en que se detectou un caso positivo, coa fin de controlar e acotar o antes posible o brote. Hai que destacar a capacidade do equipo de mostras para realizar todas as probas que sexan necesarias, de forma rápida, así como a capacidade asistencial que ten o Hospital Público da Mariña para a atención de todos os usuarios. Ao igual que durante toda a pandemia, tanto os centros de Atención Primaria como os hospitais públicos do Sergas están a facer un traballo intenso para detectar rapidamente os novos casos relacionados co brote e realizar todas as probas diagnósticas necesarias e no menor tempo posible.

No caso concreto do brote que está a afectar ao distrito sanitario da A Mariña, dicir que tanto o Hospital Público da Mariña como os centros de saúde da comarca están a realizar un esforzo importante para detectar calquera novo caso e, ademais, dunha forma moi rápida para acotar canto antes o brote.

Hai que destacar, tamén a capacidade asistencial e resolutiva do Hospital Público de A Mariña e dos centros de saúde para asumir con todas as garantías esta situación, como xa o demostrou nos momentos máis duros da pandemia, tanto no aspecto diagnóstico como no tratamento e seguimento. A súa actuación complétase co apoio do Servizo de Microbioloxía do HULA, co que traballan de forma conxunta, coordinada e continuada de 8 da mañá a 10 da noite, e se é necesario, prolongando a súa actividade o tempo necesario; así como co importante e intenso traballo do Servizo de Vixilancia Epidemiolóxica da Xefatura Territorial de Sanidade no seguimento dos contactos, que está a permitir unha actuación moi rápida e eficaz na detección e control dos contactos das persoas afectadas.

Dende o Sergas queremos salientar o correcto funcionamento dos protocolos de vixilancia e control e lembrar á ciudadanía a necesidade de continuar a aplicar as medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras.

A Consellería de Sanidade reitera á cidadanía que empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 881 00 20 21 para persoas de fóra da comunidade autónoma que visiten Galicia e desexen consultar dúbidas ou sintomatoloxía relacionada coa covid-19.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre