Inicio Galicia Sanidade continúa a manter reunións cos concellos para o seguimento da evolución...

Sanidade continúa a manter reunións cos concellos para o seguimento da evolución da covid-19

0
image_gallery.jpg

A coordinación entre administracións contribúe a optimizar a xestión da situación epidemiolóxica en Galicia


A Consellería de Sanidade continúa a manter reunións cos alcaldes e alcaldesas dos diferentes concellos galegos co ánimo de coordinar o seguimento integral da situación epidemiolóxica provocada pola covid-19.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantivo na xornada de hoxe un total de catro reunións telemáticas co conxunto de rexedores daqueles concellos nos que se aplican medidas restritivas dentro das áreas sanitarias de Santiago e Barbanza, a área sanitaria de Pontevedra, a área sanitaria de Vigo e a comarca da Coruña.

Ademais, xunto con aqueles concellos nos que están vixentes as medidas sanitarias, tamén participan nestas xuntanzas os rexedores doutras localidades, que, malia non contar con restricións, e dada a súa proximidade aos primeiros, tamén foron convidados a asistir a estas reunións.

Por outra banda, expuxéronse as metodoloxías e os parámetros e indicadores utilizados polo comité de expertos para a toma das distintas medidas.

Entre os concellos participantes atópanse os de Santiago de Compostela, Teo, Ames, Lalín, Laxe, Carballo, Laracha, Cabana, Coristanco, Malpica, Ponteceso, Pontevedra, Sanxenxo, Poio, Vilaboa, Marín, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui.

O obxectivo destas xuntanzas é fortalecer a colaboración entre o departamento sanitario da Xunta de Galicia e os diferentes concellos galegos, no ánimo de conter a expansión da covid-19 e previr da aparición de novos contaxios nas súas comarcas.

Deste xeito, Sanidade revisa e trasládalle aos mandatarios locais a evolución da covid-19 en candanseu concello, ademais de analizar e responder as dúbidas que se poidan xerar ao redor do conxunto de medidas establecidas.

Sanidade remarca a importancia que posúen estas reunións entre as administracións á hora de xestionar a propagación da enfermidade, avogando polo mantemento desta coordinación para garantir o cumprimento das medidas de hixiene e prevención e o control dos aforos en establecementos.

A Consellería de Sanidade lembra á poboación en xeral a necesidade de respectar todas e cada unha das medidas establecidas e apela a responsabilidade individual no uso da máscara e o mantemento da distancia interpersoal de seguridade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre