Inicio Galicia Sanidade aproba o proxecto de expropiación dos terreos para a ampliación do...

Sanidade aproba o proxecto de expropiación dos terreos para a ampliación do Gran Montecelo

0

O documento será sometido a exposición pública durante un mes e, neste período, os interesados poderán formular alegacións

A Consellería de Sanidade segue avanzando cara a materialización do proxecto de ampliación do hospital Gran Montecelo de Pontevedra. E, neste senso, o Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha resolución pola que se aproba o proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para a ampliación do Gran Montecelo, e se acorda o inicio do expediente.

O proxecto de expropiación será sometido a exposición pública durante un mes. Ao longo dese período de tempo as persoas interesadas poderán formular as observacións e reclamacións que consideren oportunas, en particular no que concirne á titularidade ou valoración dos seus respectivos bens.

O proxecto de ampliación do Gran Montecelo conta cun investimento estimado de 140 millóns de euros. Aumentará un 50% máis a súa superficie, pasando de 79.500 a 118.000 metros cadrados.

Co Gran Montecelo, os pontevedreses disporán dun hospital público máis amplo, máis humano e con capacidade para atender as necesidades asistenciais nos vindeiros 50 anos. Esta nova infraestrutura hospitalaria do Sergas contará con espazos máis acolledores en áreas máis sensibles, como a diálise, o hospital de día de oncoloxía, coidados paliativos ou a zona materno-infantil. Segundo recolle o Plan director, o 57% dos cuartos serán individuais (fronte ao 36% actuais), aumentará nun 92% o número de salas e postos de urxencias, e súmanse un 49% máis de postos no Hospital de día (que pasan de 109 a 162), incluíndo, deste xeito, melloras na comodidade, na intimidade e nos espazos de esparcemento para pacientes e familiares.

O Gran Montecelo será o primeiro hospital de España construído a partir do diálogo e das achegas de todos os axentes implicados, xa que para elaborar o seu plan director foron consultados máis de 300 profesionais sanitarios, cinco asociacións, os colexios profesionais de Médicos e Fisioterapeutas e os profesionais do centro penitenciario da Lama. Ademais, realizáronse máis de 2.300 enquisas a usuarios.

O Hospital Gran Montecelo garantirá a prestación e a atención sanitaria a unha poboación de preto de 300.000 habitantes coa máis moderna tecnoloxía.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre