Inicio Galicia Sanidade amplía a todas as especialidades médicas e de enfermería os contratos...

Sanidade amplía a todas as especialidades médicas e de enfermería os contratos de residentes de último ano de formación

0


O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a Orde da Consellería de Sanidade, pola que se autoriza a encomenda aos profesionais sanitarios de último ano de formación das restantes especialidades do exercicio provisional das funcións de facultativo adxunto especialista, enfermeiro especialista ou categoría profesional a que os habilite durante a crise sanitaria provocada polo Coronavirus.

Nunha primeira Orde do pasado día 25, Sanidade establecía a prórroga da contratación de residentes en último ano de formación tal como esixe a norma estatal, das especialidades de: Xeriatría, Medicina do Traballo, Medicina Familiar e Comunitaria; Medicina Intensiva; Medicina Interna; Medicina Preventiva e Saúde Pública; Pneumoloxía; Pediatría e as súas áreas específicas; Radiodiagnóstico; Microbioloxía e Parasitoloxía; Anestesioloxía e Reanimación; Enfermería do Traballo; Enfermería Familiar e Comunitaria; Enfermería Xeriátrica e Enfermería Pediátrica.

Por tanto, coa Orde hoxe publicada, o departamento sanitario galego amplia esta medida a todas as especialidades das profesións sanitarias.

Coa orde do día 25 ampliábase os contratos de 160 médicos residentes e 31 enfermeiros residentes que están no último ano de formación, e coa Orde publicada hoxe, amplíase os contratos de 145 facultativos máis (médicos, farmacéuticos, psicólogos e radiofísicos) ademais doutros 22 profesionais de enfermería.

Así, entre os dous procesos, o Goberno galego sumará 358 profesionais aos máis de 39.000 que xa ten no seu cadro de persoal o Servizo Galego de Saúde.

O departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña recoñecerá a estes profesionais sanitarios de último ano de formación as percepcións económicas da categoría profesional correspondente durante o tempo que desempeñen as ditas funcións, así como promoverá a valoración dos servizos prestados na citada categoría/especialidade nos procesos selectivos e de provisión de postos dentro do Sistema público de saúde de Galicia.

Esta iniciativa adóptase co fin de contribuír á correcta prestación asistencial, especialmente para a asistencia de pacientes COVID 19, e durará en función das necesidades asistenciais derivadas da evolución da crise sanitaria e do que dispoña a normativa estatal. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre