Inicio Galicia Sanidade adxudicará mañá 41 novas oficinas de farmacia

Sanidade adxudicará mañá 41 novas oficinas de farmacia

0

Para axilizar o procedemento, por primeira vez as adxudicacións vanse resolver nun acto único, ao que están convocados os 604 participantes admitidos


A Consellería de Sanidade celebrará mañá sábado o acto público de adxudicación de 41 novas oficinas de farmacia. A este acto están convocados os 604 participantes no concurso público convocado ao efecto. A convocatoria para este acto é a partir das 9.00 horas da mañá, no salón de actos do edificio administrativo da Consellería de Sanidade, en San Lázaro.

Por primeira vez, e a diferencia doutros procesos de adxudicación de oficinas de farmacia, convócase a todos os participantes admitidos a concorrer nun acto público único, coas debidas garantías, para a elección de farmacia. Isto permite axilizar o proceso e reducir o tempo de elección ao propio día do acto. O procedemento polo que se rexeu o último concurso podía prolongarse meses, xa que cada solicitante tiña que pedir as prazas que quería e despois adxudicábanse cunha tramitación moi laboriosa. Nesta ocasión, co novo proceso cada solicitante por estrito orden de puntuación, elixirá no acto único de adxudicación a oficina que quere.

Así, mañá haberá un chamamento ás 9.00 horas das persoas concursantes que ocupen os 50 primeiros postos da listaxe. De non ser adxudicadas neste primeiro chamamento as 41 oficinas de farmacia ofertadas, faranse chamamentos sucesivos ao longo da xornada que, en ningún caso, comezarán antes das 13.00 horas dese día.

Unicamente as persoas concursantes ou os seus representantes debidamente acreditados, poderán acceder ao salón de actos. A falta de asistencia da persoa interesada ou o seu representante, suporá a súa exclusión do procedemento. Dende o momento no que se acceda ao salón de actos e ata que se saia del, os teléfonos móbiles e os dispositivos electrónicos dos concursantes deberán permanecer apagados.

Antes de levar a cabo a elección das novas oficinas de farmacia vaise sortear a letra que resulte determinante para a ordenación definitiva daqueles concursantes que estean empatados. A continuación procederase ao chamamento individual dos participantes. Os concursantes disporán dun máximo de 5 minutos para elixir a delimitación territorial e concello da farmacia que desexe de entre as incluídas na convocatoria e non seleccionadas previamente por outros concursantes. Finalizada a súa elección e logo da sinatura do documento que faga constar a mesma, o concursante poderá abandonar a sala.

O acto rematará cando sexan elixidas a totalidade das oficinas de farmacia incluídas na convocatoria ou, no seu defecto, unha vez se teña realizado o chamamento de todas as persoas concursantes.

A lista, coa relación definitiva de puntuacións obtidas por cada un dos concursantes (tanto por orden alfabético dos participantes como por orden de prelación), pode consultarse na páxina web do Sergas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre