Inicio Galicia 'Rosalía en Camiño' dinamizará espazos rosalianos e xacobeos por medio da poesía

'Rosalía en Camiño' dinamizará espazos rosalianos e xacobeos por medio da poesía

0

Desde hoxe ata o sábado o Colectivo de Poetas de Bruxelas, baixo a coordinación de Xavier Queipo, e as galegas Chus Pato e Yolanda Castaño, ofrecerán recitais multilingües en Santiago, Ponteceso e Padrón


Rosalía en Camiño. Diálogos poéticos multilingües, impulsado pola Casa de Rosalía co apoio da Xunta de Galicia, ao abeiro do programa O teu Xacobeo, dinamizará espazos rosalianos e xacobeos por medio da poesía desde hoxe e durante tres días, ata o sábado, en Santiago, Ponteceso e Padrón. Ten como obxectivo promover a dimensión internacional da cultura galega a travás da figura da escritora galega máis universal e do Camiño de Santiago, da man do Colectivo de Poetas de Bruxelas, baixo a coordinación de Xavier Queipo, e das galegas Chus Pato e Yolanda Castaño.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, participaron na rolda de prensa de presentación, na que García quixo destacar “a proxección exterior da lingua galega e a presenza de Rosalía nos ámbitos literarios e poéticos de Bruxelas, cidade da capitalidade europea, que exerce como un dos mellores escenarios de promoción da nosa lingua e cultura”.“Un proxecto que -en palabras de Pereira- entronca coa filosofía do propio Xacobeo, por poñer en valor a nosa riqueza e patrimonio culturais e o Camiño de Santiago como principal itinerario cultural europeo e vencellalo á figura máis ilustre das nosas letras, Rosalía de Castro. Ademais de convertir tamén os poetas belgas en prescritores do Camiño e do propio Xacobeo”. Participaron na presentación, canda eles e canda o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o alcalde de Padrón, Antonio F. Angueira; a concelleira de Políticas de Igualdade e Lingüísticas de Santiago, Noa Díaz, e o escritor Xavier Queipo.’Rosalía en camiño. Diálogos literarios multilingües’Rosalía en Camiño. Diálogos poéticos multilingües, impulsado pola Casa de Rosalía co apoio do Xacobeo 2021, ao abeiro do programa O teu Xacobeo, percorrerá en tres xornadas (desde hoxe, 11 de xullo, ao 13) escenarios xacobeos e rosalianos cun grupo de poetas internacionais, ao tempo que ofrecerá unha serie de accións poéticas multilingües.

A vida e a obra de Rosalía de Castro permite establecer tres grandes escenarios literarios e xacobeos intimamente relacionados: Padrón, berce do Xacobeo e da propia autora; Santiago, capital xacobea e da vida de Rosalía; e a Costa da Morte, final do Camiño e territorio da vida e da obra rosaliana.

A acción poética correrá a cargo do Colectivo de Poetas de Bruxelas: Taha Adnan, Frank de Crits, Geert van Istendael, Serge Meurant, Silvia Vainberg, Bart Wonck, Ramón Neto e Xavier Queipo (coordinador), a quen se unirán as galegas Chus Pato e Yolanda Castaño.

Para alén do obxectivo sinalado, o proxecto busca tamén dar a coñecer a nosa cultura en xeral, a nosa paisaxe e incluso os outros dous escritores destacados do Rexurdimento galego, Pondal e Curros, e inclúe a edición do libro homónimo no que se inclúen as obras e traducións dos recitais, así como de material didáctico.

Máis información e programa completo en https://rosalia.gal/causes/rosalia-en-camino/.

Tres liñas de axuda e cinco ámbitos de actuaciónA convocatoria de proxectos O teu Xacobeo, a máis importante da historia de Galicia, permitirá impulsar 352 iniciativas de dinamización en máis dun cento de concellos de toda a Comunidade. Foi impulsada polo Goberno autonómico, co obxectivo de implicar e fomentar a participación de todos os axentes da sociedade no deseño do próximo Xacobeo 21, un evento que se presenta como unha oportunidade para construír unha Galicia máis verde, innovadora e competitiva.

Esta liña de axudas espertou un importante interese na sociedade galega e o volume de propostas recibidas, un total de 652, levou a Xunta de Galicia a ampliar o investimento destinado a este proxecto, pasando dos 2 millóns iniciais a un total de 4,7.

O teu Xacobeo divídise en tres liñas de axudas: unha primeira destinada a proxectos formulados por entidades locais, unha para propostas realizadas por pemes e particulares e unha última centrada en entidades sen ánimo de lucro. As iniciativas seleccionadas, un total de 352, abranguen un total de cinco áreas: o ámbito artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, ámbito deportivo e ámbito social.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre