Inicio Galicia Rosa Quintana salienta a aposta da frota de Burela por dar valor...

Rosa Quintana salienta a aposta da frota de Burela por dar valor aos produtos do mar e que obteñan un prezo acorde á súa calidade

0

A titular de Mar en funcións destaca que a pescada e o bonito de Burela aportan valor engadido ao sector, son unha mostra da aposta pola sustentabilidade pesqueira e teñen unha calidade e sabor inigualables

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, participou hoxe na presentación da campaña Orixe e Destino Galicia para a promoción da pescada e do bonito capturados pola frota de Burela, un evento no que destacou a aposta do sector pesqueiro lucense pola sustentabilidade da actividade extractiva e por valorizar os produtos do mar para que obteñan o prezo que merecen de acordo coa súa calidade.

A representante do Executivo galego destacou a importancia de facer valer os produtos do mar de Galicia fóra das súas fronteiras e conseguir que os clientes os distingan e os merquen, especialmente aqueles de gran calidade como o bonito e a pescada de Burela. Neste sentido, incidiu en que as capturas destas dúas especies realizadas pola frota lucense aportan valor engadido ao sector, son unha mostra da aposta pola sustentabilidade pesqueira e permiten ofrecer aos consumidores produtos de proximidade de gran calidade, frescor e sabor inigualable.

A campaña Orixe e Destino Galicia, impulsada pola Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo, Armadores de Burela SA (ABSA) e Paradores, consiste na celebración de dez etapas para a exaltación do bonito e da pescada en varios paradores nacionais polos que pasan distintas rutas do Camiño de Santiago e que, precisamente, teñen Santiago como punto de partida e de chegada. Esta iniciativa, subliñou Rosa Quintana, achegará a consumidores de toda España dous dos mellores produtos do mar de Galicia e dará a coñecer a súa cultura mariñeira.

Dous produtos clave para BurelaEsta acción de promoción pretende dar valor a uns produtos que son fundamentais para o porto de Burela, que o ano pasado concentrou o 28% das descargas de pescada no conxunto de Galicia e o 36% da súa facturación ao tempo que o 63% dos desembarques de bonito, cos que concentrou o 64% dos ingresos derivados da súa poxa no conxunto da comunidade.

Por iso, a titular de Mar en funcións insistiu na necesidade de apostar pola promoción dos produtos do mar, fundamentais para unha dieta saudable e esenciais en situacións como a alerta sanitaria polo coronavirus vivida nos últimos meses. Precisamente, entre as medidas incluídas no plan Avantemar elaborado polo Executivo galego para reactivar o complexo mar-industria de Galicia trala pandemia están accións de promoción dos produtos pesqueiros e apoios aos plans de produción e comercialización das OPP.

O plan Avantemar conta cun orzamento para este ano de 77 millóns de euros e 14 millóns para 2021 cos que impulsar a dinamización do sector marítimo-pesqueiro para que acade os niveis previos á pandemia o antes posible e sen que quede ninguén polo camiño. As achegas para as organizacións de produtores pesqueiros enmárcanse nas liñas para dotar de liquidez e financiamento ao sector co obxectivo de garantir a súa sustentabilidade. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre