Inicio Galicia Rosa Quintana pide á oposición que deixe de verter falsidades e medos...

Rosa Quintana pide á oposición que deixe de verter falsidades e medos infundados á opinión pública sobre a dragaxe do Lérez

0

A titular de Mar desmente que exista un punto para o traslado de áridos na bocana da ría de Arousa e lembra que o que hai está fóra dela, non recibe residuos e conta cun seguimento periódico do seu estado

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, instou hoxe á oposición a que deixe de verter falsidades, informacións partidarias e medos infundados á opinión pública sobre a futura dragaxe do río Lérez, unha actuación que está pendente de realizar desde hai varios anos. A representante do Executivo galego explicou no Parlamento que os materiais que se extraerán da ría de Pontevedra non son residuos, senón áridos, e que todos os depósitos deste tipo que se realizan nos puntos autorizados para elo contan cun seguimento periódico, tal como establece a normativa vixente.

A titular de Mar lamentou as mentiras vertidas nas últimas semanas sobre a dragaxe do Lérez, tanto en Galicia como ante a Comisión Europea, e insistiu en que é absolutamente falso que xa comezaran os labores de dragaxe, así como que Portos de Galicia autorizase o depósito deses materiais no entorno da ría de Arousa -algo para o que non ten competencias- ou que se trate de residuos.“Estas afirmacións non é que carezan de fundamento técnico senón que non soportan unha mera aplicación do sentido común”, aseverou Rosa Quintana, que insistiu en que o proxecto para a dragaxe do Lérez aínda non se aprobou. Ao mesmo tempo, a representante da Xunta desmentiu as informacións sobre a existencia dun punto de depósito de residuos sen control na bocana da ría de Arousa, algo que, remarcou, o Executivo galego nunca aceptaría. A titular de Mar aclarou que existe un punto de depósito de materiais procedentes de dragaxes fóra desta ría, pero que nel “nin hai residuos nin hai falla de control”.

Neste sentido, incidiu en que é moi sinxelo comprobar o seguimento que se fai e as condicións nas que están estes puntos aos que se envían os áridos procedentes das dragaxes cunha simple busca na internet, a través de documentos oficiais e tecnicamente avalados. “Para evitar desinformacións e alarmas, quero facer un chamamento para que se empregue como fundamento información tecnicamente solvente e que estea avalada documentalmente, para que esta non se afaste da verdade”, subliñou a conselleira do Mar.

Nesa liña, Rosa Quintana instou á oposición a ser responsable, seguir “co seu xiro cara á verdade” e contribuír á solución dos problemas con propostas rigorosas. Precisamente, lembrou que moitos portos precisan de dragaxes para retirar sedimentos acumulados durante anos e aumentar o calado para que as embarcacións operen con normalidade, unhas actuacións que poderían quedar sen executar por estas alarmas infundadas. “Ata o de agora semella que só pretenden que os portos se enchan de area e que a nosa frota non teña onde atracar”, concluíu a titular de Mar.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre