Inicio Galicia Rosa Quintana lembra que a Xunta activou de xeito inmediato os seus...

Rosa Quintana lembra que a Xunta activou de xeito inmediato os seus medios tras coñecerse o accidente do 'Blue Star'

0

A Consellería do Mar puxo os seus efectivos a disposición de Salvamento Marítimo do Estado e desprazou á zona dúas embarcacións ao tempo que o subdirector xeral de Gardacostas estivo seguindo de preto o operativo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe no Parlamento que a Xunta activou de xeito inmediato os seus medios de salvamento e loita contra a contaminación mariña tras coñecerse o accidente do mercante Blue Star o pasado 22 de novembro na costa de Ares. Neste sentido, fronte a quen acusa á Xunta de non dispoñer os seus medios e de pasividade, a titular de Mar incidiu en que o Executivo galego puxo todos os seus efectivos a disposición de Salvamento Marítimo do Estado, que foi o encargado de coordinar o operativo, e que desde o primeiro momento estivo na zona, seguindo de preto o operativo, o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, a bordo da embarcación Serra do Faro, que estivo acompañada tamén polo buque Ría de Vigo.

A representante do Goberno autonómico incidiu en que o seu departamento tamén activou o Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental (Plan CAMGAL) en fase de alerta -que chegou a activarse en emerxencia nivel 1 o último día de extracción do combustible do buque ao picarse a mangueira e producirse unha pequena vertedura- en previsión de que puidese haber algún episodio de contaminación mariña. Mentres, os técnicos do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), adscritos ao Plan CAMGAL, realizaron simulacións de correntes para axudar a actuar no caso de que se producise algún tipo de vertedura.

A maiores, Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, mantivo preparados os peiraos de Ares e Sada por se fose preciso actuar desde eles para a transferencia e disposición de medios de loita contra contaminación e o helicóptero do Servizo de Gardacostas Pesca 2 colaborou nos traballos de evacuación da tripulación do cargueiro.

Rosa Quintana lamentou o uso político deste tipo de sucesos por parte da oposición e aclarou que adoptar algunhas medidas propostas, como o despregamento de barreiras de contención ante a posibilidade dun episodio de contaminación, sería contraproducente ao dificultar as manobras para coller remolque e ser un perigo para os buques auxiliadores. Ademais, as condicións meteorolóxicas e marítimas estragarían esas barreiras como consecuencia do impacto coas rochas e co propio barco.

A titular de Mar tamén falou sobre as competencias de salvamento marítimo e destacou que o máis importante é coordinalas e xestionalas axeitadamente. Neste sentido, fronte a quen apunta a que as emerxencias se coordinan desde Madrid e a 600 quilómetros da costa, lembrou que sucesos como o do Blue Star xa se coordinan desde Galicia -o caso deste cargueiro coordinouno a torre de control de Salvamento Marítimo da Coruña- e que as competencias son executadas por técnicos con experiencia na materia, polo que salientou que esa xestión non melloraría se fose realizada por políticos.

Medios de loita contra a contaminaciónRosa Quintana fixo balance ademais das melloras realizadas nos últimos anos en materia de salvamento e loita contra a contaminación así como de planificación sinalando todos os avances nesta materia foron realizados baixo os Gobernos de Manuel Fraga ou Alberto Núñez Feijóo. Entre elas citou a incorporación dos buques Irmáns García Nodal e Sebastián de Ocampo, con equipos de loita contra a contaminación, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, así como o buque Ría de Vigo, designado para o Noroeste da Península Ibérica pola Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA) e cun acordo para colaborar con Galicia.

A eses medios sumouse a disposición de dúas naves loxísticas en Cambados de almacenamento de materiais para a loita contra a contaminación e contedores nos principais portos autonómicos. A Xunta tamén aprobou o Plan CAMGAL, posto en marcha en 2012 e revisado en 2016, e Galicia participou nos últimos anos en 15 proxectos europeos relacionados coa contaminación mariña. A isto engádese a mellora da operatividade dos dous helicópteros de Gardacostas, con gardas presencias as 24 horas e os 365 días do ano.

Neste sentido, a conselleira do Mar defendeu a necesidade de traballar coordinados e unidos con outros estados membros e comunidades autónomas posto que os expertos consideran que ningún país pode facer fronte por si só a casos como o Prestige e que accidentes como o da plataforma petrolífera do golfo de México en 2010 mostran a necesidade desa coordinación. “Que dous xigantes como a UE e os Estados Unidos teñan que pedir axuda dan mostra da importancia da colaboración entre estados”, aseverou Rosa Quintana.

Na súa intervención, a titular de Mar tamén tivo un recordo para os tripulantes falecidos e o desaparecido no naufraxio do pesqueiro Sin querer dos en decembro do ano pasado, un accidente sobre o que destacou que se cumpriron os tempos de resposta establecidos e que haberá que agardar ás conclusións que se deriven das investigacións postas en marcha polo xulgado de Instrución número 2 de Corcubión e pola Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre