Inicio Galicia Rosa Quintana enxalza o valor nutricional e saudable dos produtos do mar

Rosa Quintana enxalza o valor nutricional e saudable dos produtos do mar

0

Destacou a relevancia que teñen para a Xunta e os consumidores as campañas de fomento do consumo de peixe e marisco en fresco ou en conserva como `O sabor da aventura está no mar´ ou `Ponlle as pilas ao teu bocata´

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe a importancia de “facer chegar á poboación as bondades dunha alimentación adecuada en liña co consumo de produtos de alta calidade nutricional”. Neste sentido subliñou que “unha das fontes de alimentación máis importantes en todo o mundo son os alimentos que proceden do mar, xa que son naturais e saudables e reportan beneficios para o organismo”. Así o sinalou na clausura do III Simposio internacional sobre Dieta atlántica, celebrado hoxe na Facultade de Medicina de Santiago.

Alí a titular de Mar tamén salientou a relevancia que teñen para a Xunta e para os consumidores as campañas de fomento do consumo de peixe e marisco en fresco ou en conserva. Puxo como exemplo as iniciativas O sabor da aventura está no mar, que busca transmitir aos escolares a importancia dos produtos do mar na súa dieta, e Ponlle as pilas ao teu bocata, destinada a fomentar o consumo das conservas de peixe e marisco entre os máis novos. Estes programas chegaron a máis de 100.000 nenos e nenas aos que se lles conciencia sobre a importancia dunha alimentación con base no mar.

Outra iniciativa que mencionou a conselleira é Do mar ao prato, deseñada para os centros públicos e privados de Galicia. Con ela, expuxo Rosa Quintana, “pechamos o círculo no eido da ensinanza ao dotar aos futuros profesionais da nosa gastronomía de todo o coñecemento necesario dos produtos do mar”. A titular de Mar tamén fixo referencia ao selo de calidade pescadeRías, que permite identificar e certificar os produtos do mar galegos procedentes da pesca artesanal.

Ademais a conselleira apelou a facer da defensa dos produtos de Galicia unha responsabilidade compartida e agradeceu a responsabilidade da Fundación Dieta Atlántica, da USC e da Facultade de Medicina na organización do simposio internacional.

Fundación Dieta AtlánticaA Fundación Dieta Atlántica constituíuse no 2007, sendo declarada de interese sanitario e de interese galego nese mesmo ano. A promotora foi a Universidade de Santiago de Compostela e a presidencia da mesma recae no reitor desta Universidade. Xurdiu co obxecto de fomentar o estudo, a investigación e a difusión da dieta atlántica para a saúde e o benestar da poboación. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre