Inicio Galicia Rosa Quintana enxalza o porto de Vigo como líder na estratexia de...

Rosa Quintana enxalza o porto de Vigo como líder na estratexia de crecemento azul europea e modelo para outros peiraos

0

A titular de Mar salienta que o plan galego desenvolvido neste eido xa puxo en marcha máis de 25 proxectos, entre os que destacan os destinados a deseñar as lonxas e os peiraos do futuro

Vigo, 27 de novembro de 2019.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe o importante traballo que realiza a Autoridade Portuaria de Vigo no que á estratexia de crecemento azul se refire e salientou que este porto galego lidera a filosofía da política marítima europea neste eido e serve de modelo para outros peiraos. Así o apuntou durante a súa participación na clausura do Foro sobre o impacto do Plan Blue Growth desde a percepción dos stakeholders, organizado pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) e que se celebrou entre onte e hoxe en Vigo.

A titular de Mar lembrou que o Plan Blue Growth da Autoridade Portuaria de Vigo recoñece a importancia do mar como motor da economía europea polo seu gran potencial innovador e de crecemento, apoia o crecemento do emprego e da riqueza vencellada ao mar de xeito sustentable e respectuoso co medio ambiente e contribúe a mellorar as condicións de traballo e de futuro das persoas que viven do mar.

Para lograr estes obxectivos, incidiu, a estratexia de crecemento azul de Vigo, que é tamén a de Galicia, traballa na contorna da industria 4.0, da dixitalización de procesos e o medio ambiente, uns eidos nos que desde 2016 se puxeron en marcha máis de 25 proxectos que derivaron en 135 colaboracións público-privadas.

A conselleira do Mar puxo como exemplos do bo traballo no marco do Plan Blue Growth os proxectos Lonja 4.0 e Puerto 4.0, que pretenden deseñar as lonxas e portos do futuro. No caso do primeiro, converterá á lonxa de Vigo na primeira en traballar con enerxías renovables, o que contribuirá a garantir a trazabilidade do produto, optimizar os recursos enerxéticos e a loxística e mellorar a calidade última do produto.

Sobre o proxecto Puerto 4.0, Rosa Quintana, salientou que pon as bases do que serán os portos sustentables no horizonte de 2030 introducindo o concepto da internet das cousas para os activos portuarios e a análise socioeconómica das relacións portuarias. Isto contribuirá a contar cun ecosistema portuario “máis intelixente, máis ecolóxico e máis responsable” que repercutirá no presente e no futuro do peiraos que apostan pola industria.

A titular de Mar destacou ademais que o porto de Vigo está integrado na iniciativa de crecemento azul da FAO para o desenvolvemento sustentable da pesca e da acuicultura, unha organización á que Galicia está intimamente ligada pola creación da rede de portos azuis, que teñen como obxectivo maximizar os seus beneficios socioeconómicos e reducir ao mínimo o impacto no medio mariño.

Obxectivos do encontroO Foro sobre o impacto do Plan Blue Growth desde a percepción dos stakeholders celebrouse no marco do Subcomité de Comercio Pesqueiro do Comité de Pesca da FAO, que se celebra en Vigo esta semana. O obxectivo do encontro é analizar o impacto da estratexia de crecemento azul desde a perspectiva dos seus participantes. Este foro, que se suma a outro xa celebrado o pasado mes de xuño, pretende conseguir que o crecemento azul sexa unha ferramenta de colaboración e desenvolvemento das comunidades marítimas dos distintos países. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre