Inicio Galicia Rosa Quintana enxalza o labor do historiador José Manuel Vázquez Lijó na...

Rosa Quintana enxalza o labor do historiador José Manuel Vázquez Lijó na difusión do papel da xente do mar de Porto do Son

0

A conselleira sinalou que a obra deste autor permite coñecer a historia e as tradicións desta vila mariñeira e aborda aspectos como a reforma do porto a finais do século XVIII, a tipoloxía das embarcacións ou a toponimia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe en valor o traballo do historiador José Manuel Lijó na difusión das xentes do mar de Porto do Son na publicación Donos de seu. Loitas, arelas e froitos da xente do mar de Porto do Son (1580-1830), que hoxe presentou neste municipio e que conta coa colaboración da Xunta.

A titular de Mar definiu esta obra como “unha xoia da literatura e da historia e tamén do ser de Porto do Son”. Unha publicación, engadiu, que brinda a oportunidade de “coñecer a nosa historia e as tradicións dun pobo mariñeiro que loitou polo que é de seu”, pois nela abórdanse aspectos como a reforma do porto a finais do século XVIII, a tipoloxía das embarcacións ou a toponimia.

Nesta liña, o libro realiza un percorrido de tres séculos de historia do mar de Galicia, a través da evolución do sector pesqueiro de Porto do Son e do bo saber facer dos seus mariñeiros, así como polas liortas entre veciños, os conflitos na ría de Muros-Noia polas artes, a consolidación do gremio do mar, a feira da atalaia, os inicios das salgaduras, a especulación pesqueira e os fomentadores en Portosín.

Todo isto, destacou Rosa Quintana, co mar como vínculo que levou a “inventar aparellos de pesca e a desenvolver hoxe técnicas innovadoras, a incorporar a madeira e a construír agora con materiais sostibles e a defender o que é de seu como, por exemplo, as liortas entre veciños ou os conflitos na ría de Muros-Noia polas artes”.

O mar, incidiu a conselleira, “que hoxe nos leva a traballar polo porto de Porto do Son e polas familias que desde aquí desenvolven a súa actividade diaria”. Un peirao, explicou, que hoxe conta con dúas novas liñas de pantaláns e mellor abrigo e no que nos últimos dez anos a Consellería do Mar investiu máis de 5,3 millóns de euros. A esta cifra, engadiu, uniranse 4 millóns de euros máis ata 2021 para a execución do proxecto de mellora do borde portuario.

A obraDonos de seu. Loitas, arelas e froitos da xente do mar de Porto do Son (1580-1830) conta con oito capítulos que se centran en catro cuestións. Unha delas é a defensa que alá polo 1580 realizou a xente do mar polos seus medios de subsistencia ante as autoridades municipais de Muros e Noia. Isto permitiulles manter o dereito a traballar cos aparellos que desde antigo viñan empregando para aproveitarse do recurso común da ría.

O segundo aspecto que aborda é a especialización dos veciños de Porto do Son na captura de pescadas e a consolidación dun grupo de arrieiros de peixe seco. A terceira cuestión que trata é a situación do sector marítimo-pesqueiro no século XVIII e a cuarta a resistencia dos xeiteiros e volanteiros do Son á expansión das xávegas, introducidas polos fomentadores.

O seu autor, José Manuel Vázquez, é doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor asociado da área de Historia Moderna da Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade da Coruña, traballo que compaxina co de técnico de xestión do Museo Marea (Porto do Son). As súas principais liñas de investigación percorren o mundo marítimo da Galicia do Antigo Réxime e é autor de máis dunha vintena de artigos académicos, colaboracións en obras colectivas, revistas científicas e libros de historia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre