Inicio Galicia Rosa Quintana enxalza o labor do GALP Costa Sostible na difusión da...

Rosa Quintana enxalza o labor do GALP Costa Sostible na difusión da cultura mariñeira entre o público infantil e xuvenil

0

O proxecto Mar Galaica Ensina incluíu actividades didácticas dirixidas aos escolares e orientadas ao coñecemento da cultura e oficios relacionados co mar, entre outros aspectos


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe en valor o traballo que desempeña o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra ría de Muros-Noia Costa Sostible na difusión da cultura mariñeira entre os máis novos. Fíxoo na clausura do programa Mar Galaica Ensina, desenvolvido por este GALP.

Este programa incluíu obradoiros, rutas, exposicións e actividades didácticas dirixidas á educación infantil e secundaria e unha guía de actividades didácticas orientadas ao coñecemento da cultura e oficios relacionados co mar e ás boas prácticas medioambientais e de consumo, entre outros aspectos. Deste xeito, recalcou a titular de Mar, o GALP “pon en valor os recursos endóxenos, fomentando a iniciativa empresarial, a innovación e a cooperación entre zonas para un mellor aproveitamento de potencialidades comúns”.

Nesta liña, a conselleira incidiu en que “aproveitar os recursos que o noso mar nos brinda sempre foi un reto para Galicia e o xeito de sacar partido á relación senlleira que mantemos co mar”. Neste reto, engadiu, “hoxe en día toman maior protagonismo as novas xeracións, porque delas depende atesourar a nosa cultura, conservar o noso mar, e cultivar o sentimento de orgullo mariñeiro galego”.

Por último, Rosa Quintana felicitou ao GALP Costa Sostible “por saber como concienciar ás vindeiras xeracións” e salientou que o futuro de Galicia “ten que apoiarse no desenvolvemento de todos e cada un dos sectores tradicionais do mar”. A titular de Mar tamén felicitou no acto de clausura, no que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, aos centros educativos participantes no programa polos traballos realizados no marco desta iniciativa.

Mar Galaica EnsinaMar Galaica Ensina naceu co obxectivo de dar a coñecer aos escolares as distintas facetas da cultura mariñeira e dos oficios relacionados co mar e visitar as empresas que ofertan actividades didácticas. Tamén pretendía difundir a cultura mariñeira dos municipios de Porto do Son, Noia, Outes, Muros, Carnota, Dumbría, Corcubión, Cee e Fisterra entre os centros de educación infantil a secundaria e representar o mar como motor de aprendizaxe e ocio.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre