Inicio Galicia Rosa Quintana enxalza as accións que visibilizan o papel vital das máis...

Rosa Quintana enxalza as accións que visibilizan o papel vital das máis de 20.000 mulleres vencelladas ao sector marítimo-pesqueiro de Galicia

0
image_gallery.jpg

A titular de Mar explicou que a obra ‘Análise xurídica do traballo da muller na pesca’ serve de orientación na consecución dunhas condicións laborais e dun marco normativo máis xusto, igualitario e equitativo


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe de relevo o papel clave das mulleres no desenvolvemento do sector marítimo-pesqueiro e sinalou que a Xunta leva máis de 25 anos traballando polo recoñecemento dos seus dereitos e a súa profesionalización. Nesta liña subliñou o valor de impulsar accións que favorezan a visibilización do traballo das máis de 20.000 mulleres que desempeñan labores no ámbito marítimo-pesqueiro de Galicia.

Un exemplo destas accións, sinalou Rosa Quintana, é o libro Análise xurídica do traballo da muller na pesca, de Nora Martínez e Emma Rodríguez, que hoxe se presenta. Esta obra, explicou, “orientaranos na consecución dunhas condicións laborais e dun marco normativo máis xusto, igualitario e equitativo”. Tamén “servirá de guía para esa xeración máis demandante de formación para que coñeza a realidade socioeconómica da muller no sector e para que contribúa xa desde as aulas a empoderar o seu papel”.

Neste sentido, a titular de Mar valorou a importancia clave da formación como “único pasaporte para o futuro” e para afrontar os retos como a remuda xeracional, a adopción de medidas que garantan a igualdade no eido laboral e o impulso da cualificación e capacitación profesional como as habilidades sociais e directivas ou as aptitudes empresariais ou tecnolóxicas.

Todos isto, expuxo a conselleira, son “retos que temos por diante” e que se reflicten na Política Pesqueira Común, que ten como obxectivo transversal o recoñecemento da aportación feminina ao seu desenvolvemento sustentable e á consecución dunha igualdade real.

Por último a titular de Mar, que na presentación telemática do libro estivo acompañada polas autoras e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, agradeceu a Nora e a Emma o seu labor de difusión do rol feminino no eido marítimo-pesqueiro, a todas as mulleres que participan neste proxecto e a todas as profesionais que dan vida ao sector.‘Análise xurídica do traballo da muller na pesca’A obra Análise xurídica do traballo da muller na pesca nace dunha xornada celebrada no outono do 2019, organizada polas profesoras da Universidade de Vigo, Nora Martínez e Emma Rodríguez. A xornada comprendeu dúas sesións de traballo nas que se abordaron a perspectiva xeral sobre os obstáculos á igualdade de oportunidades no sector primario e os problemas xurídicos arredor do traballo da muller na pesca en Galicia e unha mesa redonda na que as propias traballadoras do sector presentaron as súas reivindicacións.

A obra analiza aspectos relacionados co empoderamento das mulleres na comunidade marítima, as mulleres na pesca á luz dos convenios internacionais de dereitos humanos e as políticas públicas de fomento da igualdade feminina na pesca. Tamén aborda cuestións relacionadas co acceso ao emprego e as condicións de traballo, os riscos laborais e a protección por maternidade das traballadoras da pesca, o asociacionismo como motor para a igualdade e boas prácticas para derrubar as barreiras de xénero na pesca, entre outros aspectos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre