Inicio Galicia Rosa Quintana enxalza a relevancia da muller no sector pesqueiro e o...

Rosa Quintana enxalza a relevancia da muller no sector pesqueiro e o seu papel na dinamización das zonas costeiras

0

A titular de Mar defende a necesidade de que as profesionais do mar formen parte das estruturas de decisión do sector para aumentar a cohesión territorial das comunidades costeiras de Galicia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe a importancia do traballo da muller na economía pesqueira e apostou por mellorar a súa posición como motor de dinamización e crecemento económico das comunidades costeiras. Neste sentido, defendeu a necesidade de que as mulleres formen parte das estruturas de decisión do sector e de fomentar o emprego feminino para aumentar a cohesión territorial nas zonas costeiras de Galicia.

A titular de Mar destacou a transcendencia deste labor durante a Xornada de presentación do estudo sobre a situación profesional das mulleres do mar de Arousa, na que o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Arousa presentou un informe con datos para poñer en valor e darlle visibilidade á actividade profesional que realizan as mulleres do sector pesqueiro de Arousa. O estudo ten como obxectivo contar cunha radiografía da realidade social e profesional deste colectivo froito do traballo de campo con empresas e entidades do sector e cuestionarios e entrevistas a profesionais do eido marítimo-pesqueiro.

Nesta liña, Rosa Quintana eloxiou o traballo do GALP Ría de Arousa para darlle visibilidade ás mulleres do sector coa creación da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa, que fai de nexo de unión entre as profesionais do ámbito marítimo-pesqueiro e favorece a cooperación entre elas. “Grazas ao esforzo e tesón diario de entidades coma esta, estamos conquistando o lugar que nos pertence”, salientou a representante da Xunta, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

A conselleira do Mar lembrou tamén que o 2018 foi un ano importante para as reivindicacións das mulleres do eido marítimo pois “Galicia acolleu o I Congreso Internacional de Mulleres da Pesca”. Neste sentido, subliñou que eventos como o promovido polo GALP Ría de Arousa “contribúen a que o sector da pesca en Galicia se escriba en feminino” e animou ás mulleres do mar a seguir fomentando o espírito asociativo.

En Galicia dedícanse ao marisqueo a pé preto de 3.800 mulleres, outras 1.100 pertencen ao sector acuícola e arredor de 700 traballan no sector do mexillón. A elas súmanse preto de 500 profesionais embarcadas en buques pesqueiros e centos de traballadoras dos sectores conserveiro de dos produtos do mar conxelado. Unhas cifras que dan mostra da importancia que a muller ten no eido marítimo-pesqueiro da comunidade galega.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre