Inicio Galicia Rosa Quintana enxalza a contribución das mulleres á ciencia e ao estudo...

Rosa Quintana enxalza a contribución das mulleres á ciencia e ao estudo dos recursos mariños en Galicia

0

A titular de Mar salienta a figura da investigadora galega Carmela Porteiro, homenaxeada neste encontro e a primeira española en acceder á Vicepresidencia do Consello Internacional para a Exploración do Mar

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe o importante papel desenvolvido polas mulleres no eido da ciencia e do estudo dos recursos mariños en Galicia facendo fronte aos atrancos que se atoparon no camiño e reforzando a súa imaxe ante unha comunidade científica masculinizada. A titular de Mar lembrou durante a súa participación na clausura da xornada As que achegan a ciencia aos océanos que ese esforzo permitiu que as mulleres ocupen un lugar destacado na historia da ciencia e que a súa presenza nos ámbitos científicos deixase de ser unha cuestión extraordinaria.

No marco dese encontro, organizado polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega e que serviu de homenaxe á investigadora galega Carmela Porteiro, Rosa Quintana salientou as figuras de Ángeles Alvariño -a primeira muller investigadora que se embarcou nun buque oceanográfico- e da propia Carmela Porteiro, “a persoa que deu continuidade ao seu importante legado”.“Son mulleres pioneiras que permitiron que hoxe sexan moitas as que achegan coñecemento e cultura a este ámbito desde unha normalidade igualitaria. No seu momento os seus casos foron case excepcionais pero en poucos anos, froito do seu traballo, converteuse en norma”, subliñou a conselleira do Mar, que lembrou que Carmela Porteiro rompeu en 2005 un gran teito de cristal ao converterse na primeira española en acceder á Vicepresidencia do Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM), un posto que volveu a ostentar en 2011.“A historia da ciencia está chea de mulleres con nome propio. Só de nós depende asegurar o noso futuro, o das mulleres do hoxe pensando nas do mañá, con máis ilusión, forza e confianza en nós mesmas”, concluíu a titular de Mar, que agradeceu ao Consello da Cultura Galega a organización desta xornada de homenaxe a Carmela Porteiro.

Obxectivos da xornadaO encontro serviu para amosar o difícil camiño que percorreron as mulleres de ciencia en Galicia no último terzo do século XX, unha etapa na que se abriron espazos laborais para as investigadoras que tiñan que acceder a sectores moi masculinizados e pouco adaptados a elas como é o caso da oceanografía. Actualmente a investigación sobre os recursos mariños conta xa con numerosas mulleres que achegan coñecemento e cultura a este ámbito e a xornada permitiu dar visibilidade ao seu traballo, fomentar o interese da cidadanía pola contribución da muller á historia da ciencia e alentar a curiosidade das máis novas por este tipo de disciplinas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre