Inicio Galicia Rosa Quintana destaca o resultado da campaña marisqueira de Noia que rematou...

Rosa Quintana destaca o resultado da campaña marisqueira de Noia que rematou cuns ingresos de máis de 17 millóns de euros

0

A campaña 2018/2019 en Noia pechou con preto de 2.300 toneladas de marisco descargadas, o que a converte na segunda mellor dos últimos dez anos


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo hoxe en Noia a importancia da campaña marisqueira que rematou o pasado 29 de marzo cun valor económico de máis de 17 millóns de euros pola descarga de preto de 2.300 toneladas de marisco, o que a converte, especificou, na segunda mellor campaña dos últimos dez anos despois da de 2017/2018.

Así o destacou durante a visita que realizou esta mañá á lonxa do Testal, na que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. Alí tamén sinalou que, en relación á media dos últimos dez anos, a facturación da campaña 2018/2019 é un 60% maior e as descargas son un 40% superiores.

Dentro do marisqueo salientou o protagonismo do berberecho, que supón máis do 70% das capturas, con máis de 1.600 toneladas descargadas, e máis do 60% do valor económico, con preto de 11 millóns de euros. En relación a esta especie tamén fixo fincapé no labor da confraría de Noia, a través do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro Costa Sostible, para dotar de valor a esta especie a través dun selo de calidade.

Con este distintivo, salientou Rosa Quintana, o sector contribúe a asegurar a competitividade no mercado, a garantir a calidade do produto e a identificar correctamente o berberecho, fomentando a achega de información para que se recoñeza como galego e noiés.

A titular de Mar tamén fixo fincapé na importancia social do marisqueo na ría de Muros e Noia, na que unhas 1.600 persoas se dedican a esta actividade da que dependen de xeito directo e indirecto numerosas familias.

Descargas en lonxa 2018A nivel xeral, a conselleira tamén destacou a contribución da lonxa de Noia aos resultados globais e anuais de descargas en lonxa e centros autorizados de Galicia, onde no ano 2018 se obtivo un valor económico de preto de 500 millóns de euros por 174.000 toneladas descargadas de peixe e marisco.

Da cantidade global descargada máis do 90% era de peixe, que supuxo unha facturación de preto de 350 millóns de euros. Entre o 10% restante destaca o grupo dos bivalvos, que supuxo uns ingresos de 86 millóns de euros, o que supón un novo récord histórico para este grupo de produtos e máis do 17% da facturación total das lonxas e centros de primeira venda de Galicia no 2018.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre