Inicio Galicia Rosa Quintana destaca a importancia da formación para reforzar a loita contra...

Rosa Quintana destaca a importancia da formación para reforzar a loita contra a pesca ilegal

0

Sinalou que o Porto de Vigo foi a mellor elección para poñer en marcha e continuar co centro de formación no que se capacitará a centos de profesionais de América Latina e África sobre a aplicación do Acordo sobre Medidas do Estado Reitor do Porto


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo hoxe en Vigo a importancia de contar con coñecementos teóricos e prácticos suficientes para reforzar a loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e “impedir que o peixe ilegal entre nos nosos portos”. Neste eido da loita contra a pesca ilegal destacou o labor da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO).

Foi durante a inauguración do segundo curso de formación sobre o fortalecemento de capacidades para a aplicación do Acordo sobre Medidas do Estado Reitor do Porto (PSM), coordinado pola FAO co apoio do Porto de Vigo. En relación a este acordo, a conselleira lembrou que aglutina a 30 países entre os que está España e que compromete aos asinantes a intensificar os controis nos peiraos.

En relación ao porto de Vigo, Rosa Quintana sinalou que “foi a mellor elección para poñer en marcha e continuar co centro de formación (training hub en inglés) no que se formará a centos de profesionais de América Latina e África. Neste sentido, agradeceu a Autoridade Portuaria de Vigo, á FAO, a Portos do Estado e á Secretaría Xeral de Pesca a posta en marcha deste centro formador.

A conselleira aproveitou ademais a súa intervención para facer fincapé no traballo que realiza Galicia na loita contra o furtivismo, “unha lacra que afecta ao sector e a toda a sociedade desde moitas ópticas”. No eido fiscal, xa que prexudica á recadación ao ser unha actividade ilegal e sumerxida; no eido laboral, dado que prexudica ao rendemento económico dos profesionais do sector e comercialmente prexudica a imaxe dos produtos galegos ao carecer das garantías de calidade e valor. Ademais, engadiu, a nivel sanitario prexudica aos consumidores con riscos de intoxicación ao non garantir a seguridade alimentaria e no eido ambiental prexudica aos recursos mariños.

De aí que, para facer fronte a este problema e concienciar á poboación, explicou Rosa Quintana, desde a Xunta “puxemos en marcha un plan integral que buscaba preservar os recursos mariños, evitar o fraude e garantir a salubridade dos produtos do mar”. Ademais, engadiu, a Administración galega reforzou a actividade inspectora “a través dunha colaboración máis estreita coa Fiscalía Superior de Galicia, coa Policía Autonómica e co sector na Mesa do Furtivismo.

Tamén “traballamos para o endurecemento da regulación na materia, o que se materializou na reforma do Código Penal”. A maiores, a Xunta aumentou efectivos e medios do Servizo de Gardacostas. Neste sentido a conselleira sinalou que “para brindar ao sector o futuro que se merece debemos traballar en conxunto e coordinados”, subliñou Rosa Quintana.

O curso O curso de Inspector de SMP foi deseñado pola FAO para fortalecer a capacidade dos inspectores de pesca para realizar as súas tarefas e permitir aos profesionais implantar de maneira coherente, a nivel nacional e rexional, as disposicións do Acordo de Medidas Estatais Portuarias 2009 (PSMA), que entrou en vigor no 2016. Trátase do segundo curso. O primeiro foi realizado en xuño de este ano e nesta ocasión está dirixido a inspectores de pesca de tres países de África francófona: Guinea Conakri, Madagascar e Mauritania.

O curso realizarase entre hoxe e o 13 de decembro e dividirase en 14 módulos didácticos. Ofrece un método de ensino baseado en conferencias na aula xunto a ferramentas de apoio, como vídeos, estudos de casos, participación relevante de invitados e exercicios individuais e grupais.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre