Inicio Galicia Rosa Quintana acompaña ás mulleres do mar de Galicia na súa concentración...

Rosa Quintana acompaña ás mulleres do mar de Galicia na súa concentración en Madrid para dar visibilidade aos seus oficios

0

A conselleira do Mar enxalza a importancia da muller no sector pesqueiro galego e anima a Anmupesca a seguir con este tipo de iniciativas para dar a coñecer á sociedade a contribución feminina ao mundo do mar

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañou hoxe ás mulleres do sector pesqueiro galego que participaron na concentración convocada na praza de Colón para mostrar a toda España as peculiaridades e características das profesións das mulleres do mar. No marco do Día Internacional da Muller, as traballadoras do complexo mar-industria de Galicia e do resto de España -como mariscadoras, percebeiras, redeiras, pescantinas ou biólogas, entre outras- mostran ata as 18,00 horas de hoxe nos Xardíns do Descubrimento os traxes, instrumentos e aparellos que empregan no seu día a día co obxectivo de darlle visibilidade ao seu importante labor e á dureza dos seus oficios.

O acto, que se enmarca nas accións promovidas pola Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca), súmase a outras como unha campaña para dar visibilidade ás profesións femininas da pesca a través das redes sociais mediante fotografías de traballadoras durante a súa xornada de traballo.

A conselleira do Mar, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, enxalzou a importancia da muller no sector pesqueiro galego e animou a Anmupesca a seguir con este tipo de iniciativas para dar a coñecer á sociedade a contribución feminina ao mundo do mar, unha contribución sen a que a cadea mar-industria de Galicia non sería a mesma.

Anmupesca é unha organización sen ánimo de lucro constituída no 2016 en Madrid e desde aquela desenvolve un importante traballo no ámbito do asociacionismo a nivel estatal. Está composta por 31 asociacións de seis comunidades autónomas (Galicia, Principado de Asturias, Cantabria, Comunidade Valenciana, Andalucía e Madrid) e reúnen a máis de 15.000 mulleres ligadas ao mundo do mar en todo o país en asociación.

No caso de Galicia na pesca extractiva traballan preto de 500 mulleres, o que supón algo máis dun 4% do sector e no ámbito da acuicultura, máis de 1.100, é dicir, máis dun 21% do sector, das que de 700 traballan nas bateas. Dentro do marisqueo a pé, o 70% das persoas que se dedican a esta actividade son mulleres, é dicir máis de 2.600.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre