Inicio Galicia 'Rosa Caramelo' chega a 15 concellos da Rede de Dinamización para promover...

'Rosa Caramelo' chega a 15 concellos da Rede de Dinamización para promover o uso do galego na familia

0

O secretario xeral de Política Lingüística e a alcaldesa de Trazo presentaron hoxe a actividade, que chega ao concello coruñés o sábado 16 no marco do programa ‘FalaRedes’


A peza teatral de dinamización lingüística Rosa caramelo e outras historias prosegue a súa xira no programa FalaRedes 2019 da Xunta de Galicia por 15 localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) e chega esta fin de semana ao concello coruñés de Trazo, que acollerá unha función no seu Centro Social Polivalente, o sábado 16, ás 12,00 horas. Así o deron a coñecer hoxe pola mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a alcaldesa, Josefina Suárez, acompañados por Artur Trillo, responsable de Talía Teatro.“Rosa Caramelo é unha peza especialmente pensada para o tempo de lecer do público familiar con cativada dos catro a oito anos, na que a través da palabra e da música se abordan os roles e os estereotipos de xénero, os prexuízos sobre as aptitudes e actitudes dos homes e das mulleres”, sinalou o representante do Goberno galego, quen recordou que “debemos sumar esforzos desde todas as Administracións para incidir, entre todos, na promoción do uso do galego nas idades máis temperás e a súa transmisión familiar”.

O domingo 17, a peza poderase gozar na Casa da Cultura de Burela, ás 18:00 horas, e as seguintes paradas serán xa, na fin de semana que vén, nos concellos do Porriño e de Vilagarcía de Arousa, onde Talía Teatro pechará unha xira que levou a actividade tamén, desde outubro, a Ribadavia, A Rúa, Vilamarín, Bueu, Ordes, Laxe, Monforte de Lemos, Mondoñedo, Viana do Bolo, Negreira e Lalín.

Rosa Caramelo e outras historias está interpretada por Artur Trillo e Fernando Fraga baixo a dirección de Paula Carballeira e conta a historia da elefanta Margarida -a única do grupo que non consegue que a súa pel sexa de cor rosa caramelo- e tamén as de Os bonobos con lentes, Unha feliz catástrofe e Artur e Clementina.

Coma sempre nos programas de dinamización lingüística que promove a Consellería de Cultura e Turismo en concellos da RDL, a entrada á actividade é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información e calendario completo poden consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre