Inicio Galicia Román Rodríguez salienta que o novo edificio MTI abre as portas a...

Román Rodríguez salienta que o novo edificio MTI abre as portas a novas liñas de investigación universitaria

0

O conselleiro de Cultura e Educación participou no acto de inauguración deste Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, salientou hoxe que o novo edificio MTI da Universidade de Vigo vai abrir as portas a novas liñas de investigación universitaria tanto nesta propia institución académica como no conxunto do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Neste sentido, e durante a inauguración deste Centro Tecnolóxico Industrial sito na cidade da oliveira, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que, de feito, un dos grupos que se van instalar neste espazo será a Agrupación Estratéxica Industria e Enerxía (INEX), única desta temática específica na universidade galega e que está formada por 26 grupos de investigación ligados ás Escolas de Enxeñería industrial, de Minas e Forestal.

Román Rodríguez quixo destacar o apoio do departamento que dirixe a este centro, cun investimento de 600.000 euros que permitiu a adecuación e equipamento dos talleres de investigación. Segundo explicou, esta contribución permitiu rematar e poñer a punto este centro, que redundará na mellorar da operatividade e interactividade dos grupos e na creación de novas oportunidades de colaboración entre eles, a través de proxectos multidisciplinares. Así mesmo, as novas instalacións permitirán desenvolver proxectos para os que ata o momento non se dispoñía de espazos axeitados, así como ampliar o abano de grupos e liñas de investigación, dado que a utilización de espazos do MTI ten un carácter temporal.

Leer más:  Santiago establece "zona urbana" para solicitar la intervención del Gobierno y expandir la utilización residencial de Peleteiro

O conselleiro destacou, ademais, a Universidade de Vigo como un referente no eido da I+D+i, co Campus do Mar e o Campus Vigo Tecnolóxico como os seus principais referentes. Ademais, a UVigo conta con 57 grupos de investigación (dos que 46 teñen axuda vixente da Consellería a través da convocatoria de consolidación de grupos de investigación), 3 centros de apoio á investigación (CACTI, CITIC e o propio MTI), 2 centros de investigación singulares (ECIMAT e CINBIO) e cunha agrupación estratéxica consolidada (AtlanTIC).

Así mesmo, Román Rodríguez lembrou que o seu departamento inviste, de media anual, uns 50 millóns de euros en investigación na universidade, “o que significa que desde a primeira lexislatura deste Goberno levamos investido preto de 500 millóns para actividades en I+D+i no SUG”. A este respecto, confiou no sistema de investigación universitario como motor de desenvolvemento económico de Galicia e reafirmou o apoio da Xunta neste eido, “do que depende, en grande parte, o futuro de Vigo e de Galicia”.


- Te recomendamos -