Inicio Galicia Román Rodríguez salienta no Parlamento Europeo a importancia do espírito xacobeo como...

Román Rodríguez salienta no Parlamento Europeo a importancia do espírito xacobeo como espazo de encontro

0

O titular de Cultura e Turismo participou na apertura da exposición ‘Camiñar, Camiñamos…’

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, xunto co vicepresidente do Parlamento Europeo, Ramón Luis Valcárcel, e o eurodeputado, Francisco Millán Mon, participou hoxe na apertura da mostra Camiñar, Camiñamos…, que se celebrou na Sala BAR do Parlamento Europeo de Bruxelas. Concorreron neste acto diplomáticos de diversos países, eurodeputados, así como representantes de diversas institucións culturais vencelladas ao Camiño de Santiago e outras rutas culturais do continente.

Trátase dunha peregrinación fotográfica polo tramo galego do Camiño Francés composta por 40 imaxes en branco e negro tomadas polo fotógrafo sonense Adolfo Enríquez. No seu percorrido, no que tamén se retrata a chegada a Compostela, inclúese a prolongación ata Fisterra. Deste xeito, á visión da paisaxe súmase a vivencia da propia peregrinación e o legado cultural que atesora o Camiño de Santiago. A colección fotográfica de Enríquez complétase cunha peza audiovisual realizada por Manuel Valcárcel sobre o Camiño de Santiago.

O titular de Cultura e Turismo destacou na súa intervención a importancia do espírito xacobeo e apelou “a cualidade do Camiño como espazo para o encontro e o reencontro”. Unha cualidade que se pode apreciar na mostra que se exhibe no Parlamento na que se subliña “o carácter humano e a experiencia do Camiño”. Trátase, en definitiva, dunha exposición na que se interpreta artisticamente o esforzo físico e mental que supón afrontar unha peregrinación.

Nesta liña, Román Rodríguez destacou que o autor destas fotografías puxo o acento “na parte persoal e humana, no aspecto vivencial e no espírito de superación que cada ano demostran os peregrinos”. Como resultado disto, o que se pode contemplar desde hoxe no Parlamento Europeo é unha mostra “que evoca a parte máis íntima e persoal da peregrinación e que nos invita a poñernos en marcha”.

Cómpre engadir que durante a súa visita a Bruxelas, Román Rodríguez tamén está mantendo diferentes reunións co obxectivo de que Europa se implique na celebración do vindeiro Xacobeo 2021. Entre os seus actos para axenda de mañá, martes, destaca a colocación dunha mouteira do Camiño de Santiago na entrada do Parlamento Europeo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre