Inicio Galicia Román Rodríguez refírese á Rapa das Bestas de Sabucedo como un referente...

Román Rodríguez refírese á Rapa das Bestas de Sabucedo como un referente cultural que une tradición con turismo

0

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou na presentación destes festexos do concello pontevedrés que comezarán este xoves

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou esta tarde na presentación da Rapa das Bestas de Sabucedo, un referente cultural en Galicia que une a tradición co turismo. Declarada en 2007 Festa de Interese Turístico Internacional, este evento atrae a multitude de galegos e turistas cada ano. Nesta ocasión, os actos comezarán este xoves, 4 de xullo, e prolongaranse ata o día 8. Ao longo destas catro xornadas realizaranse tres curros, onde os chamados aloitadores se enfrontarán ás bestas co fin de sanealas para despois devolvelas de novo ao monte.

Acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, polo alcalde da Estrada, José López, e polo presidente da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, Xosé Henrique Bazal Bouzas, o conselleiro salientou que este acontecemento é “máis que unha festa”, posto que se trata dunha demostración de respecto cara os animais e o monte, dunha xuntanza interxeracional e interpoboacional e dunha exaltación desta tradición ancestral.

Trátase, ademais, dun acontecemento secular, pois as referencias máis antigas sitúano no século XVI, aínda que a primeira Rapa da que se ten constancia data do século XVIII. Ao longo destes anos, esta celebración converteuse en parte da identidade dos galegos.

Román Rodríguez destacou o apoio da Consellería de Cultura e Turismo, que este ano achega á celebración 40.000 euros e recoñeceu o labor da Asociación por protexer os valores culturais da celebración e por seguir difundindo a festa no resto de España e no estranxeiro. Deste xeito, instou a conservar a esencia destas manifestacións de fonda raíz cultural e histórica, compaxinando a promoción do evento coa conservación dos seus valores.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre