Inicio Galicia Román Rodríguez pon en valor a cultura enogastronómica de Galicia na apertura...

Román Rodríguez pon en valor a cultura enogastronómica de Galicia na apertura do IV Gastroforum do CSHG

0

A cuarta edición desta cita organizada pola Consellería de Cultura e Turismo está dedicada á gastronomía sustentable con destacados profesionais

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou hoxe na apertura da cuarta edición do Gastroforum, o foro formativo organizado pola Consellería de Cultura e Turismo que, co título Gastronomía con propósito, afonda este ano nas claves da xestión sustentable aplicada á gastronomía. Estas xornadas, abertas a estudantes e membros do sector, contan con recoñecidos profesionais en mesas de debate e obradoiros.

Na súa intervención, o titular de Cultura e Turismo puxo en valor a cultura enogastronómica de Galicia e lembrou que a materia prima da nosa Comunidade “conta cunha gran variedade de produtos singulares que son moi apreciados en todo o mundo”. Nesta liña, Román Rodríguez lembrou a importancia de cociñar “respetando o terreo no que se cultivan os produtos e tendo en conta as culturas e tradicións culinarias de cada territorio”.“O feito de que Galicia conte cunha cultura propia fai posible que Galicia esté a consolidarse como un destino enogastronómico de primeiro nivel”, destacou o conselleiro de Cultura e Turismo. Proba disto é que as enquisas que se realizaron durante a elaboración da Estratexia do Turismo de Galicia 2020 puxeron de manifesto que a gastronomía e xa o segundo motivo polo que os turistas elixen visitar a nosa Comunidade.

Acadar os obxectivos marcados na Estratexia 2020 só é posible, tal e como lembrou Román Rodríguez, a través da profesionalización e da formación. “Estas metas só se poderán alcanzar da man de centros como o Centro Superior de Hostelería de Galicia, un referente a nivel internacional e un modelo de formación de excelencia, con profesionais altamente cualificados, adaptados aos tempos actuais e que logran colocarse no mercado laboral”, explicou.

Nesta cuarta edición do Gastroforum danse cita representantes de diferentes restaurantes galegos avalados pola súa traxectoria como Iván Domínguez, do restaurante Nado; Sergio Musso e Paco Chicón do Eclectic; Diego López, de La Molinera; Javier Olleros, de Culler de Pau; Iria Espinosa de Árbore da Veira; Kike Piñeiro, de A Horta do Obradoiro; Marco Martínez, bar manager de Boanerges; Pepe Solla, de Casa Solla, Alberto Lareo; Miguel Fernández, de Morgana, ou Lucía Freitas, de A Tafona.

Tamén están presentes profesionais do sector como o presidente do Clúster Alimentario de Galicia, Juan Vázquez; o delegado de Ecotur Galicia, Lucas Requejo; a responsable de márketing de Casa Grande de Xanceda, Jessica Rey; os editores da revista especializada La Alacena Roja, Martina Vicente e Alberto Traversa; o director de Cociñando na fin do mundo, Alberto Baamonde; o director de Onda Cero Galicia e colaborador do proxecto Cociñando a Paz, Ignacio Capeáns; a consultora e formadora en Xestión do Talento, Gloria Santamaría, ou a decana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Mª del Carmen Fernández.

Papel da mullerA xornada deu comezo co acto de inauguración ao que lle seguiu a mesa redonda Responsabilidade da cadea alimentaria. Desenvolvemento dun modelo de xestión sustentable para evitar a carestía de recursos. A continuación foi a quenda dun obradoiro sobre a aplicación da creatividade para xestionar a biodiversidade e das mesas redondas A gastronomía cociña o cambio social e A evolución da hostalería cara un modelo horizontal.

Pola tarde terá lugar un obradoiro de cociña impartido pola chef Lucía Freitas, baixo o título A cociña das avoas, un legado de boas prácticas cara un modelo sustentable. O cuarto Gastroforum rematará cunha actividade retrospectiva sobre o papel da muller na cociña que incluirá unha homenaxe a Lucía Freitas, que vén de recibir a súa primeira Estrella Michelin e que este ano celebra o décimo aniversario do seu restaurante A Tafona.

A partir destes obradoiros e mesas redondas, esta nova edición do Gastroforum pretende promover a importancia da gastronomía como un axente clave para a evolución do destino galego cara á excelencia, afondando na necesidade de levar a cabo un modelo de xestión sustentable dos recursos, sabendo actualizar a tradición culinaria.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre