Inicio Galicia Román Rodríguez destaca que as festas de Interese Turístico axudan a reforzar...

Román Rodríguez destaca que as festas de Interese Turístico axudan a reforzar a autenticidade de Galicia como destino

0

O conselleiro de Cultura e Turismo recibiu aos representantes das seis celebracións que veñen de ser declaradas festas de Interese Turístico galego


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, recibiu hoxe aos representantes das seis celebracións que onte foron declaradas de Interese Turístico polo Consello da Xunta aos que se lles entregou un diploma acreditativo da nova distinción. Ademais, neste acto tamén estivo representado Folgoso do Courel, o concello que foi declarado municipio turístico a semana pasada.

Durante o acto celebrado na Cidade da Cultura, Román Rodríguez salientou que a declaración destas novas festas de Interese Turístico “supón un impulso para os concellos do interior e para o fomento do turismo rural” de toda a Comunidade, unha tipoloxía que, segundo os datos difundidos polo INE, na última década aumentou en case un 30% a súa cifra de viaxeiros ata superar os 228.000.

Nesta mesma liña, Román Rodríguez explicou que estas celebracións se caracterizan por poñer en valor diferentes tradicións vinculadas á cultura popular e resaltar aspectos etnográficos, espirituais ou enogastronómicos. “Todas estas festas nos axudan a seguir avanzando no noso obxectivo de reforzar a autenticidade de Galicia como destino”, afirmou.

Máis de 150 festas recoñecidasGrazas á decisión aprobada polo Consello da Xunta os concellos poderán beneficiarse a partir de agora das axudas públicas do Goberno galego deseñadas especialmente para este tipo de celebracións, un aspecto que tamén repercutirá positivamente na súa organización e promoción.

Na provincia de Pontevedra entran a formar parte das festas de Interese Turístico de Galicia a Romaría do Corpiño, en Lalín, e a Romaría de Santa Marta de Ribarteme, no concello das Neves. En Ourense, inclúese a Festa dos Fachós, en Castro Caldelas, e a Festa da Vendimia en Leiro. A Festa da Carballeira, no concello de Zas, é a festa da provincia da Coruña que obtén esta distinción, mentres que en Lugo, declárase de Interese Turístico de Galicia a Festa da Tenreira Galega. Con estes novos recoñecementos, Galicia suma xa máis de 150 festas de interese turístico, tanto de tipo autonómico (131) como nacional (11) ou internacional (12).

Municipio turísticoNo acto celebrado hoxe na Cidade da Cultura tamén estivo representado Folgoso do Courel, o concello lucense que foi declarado novo municipio turístico polo Consello da Xunta e que se suma xa a lista de 49 municipios galegos que contan con esta distinción. Trátase dun recoñecemento que busca fomentar o turismo rural e seguir potenciando o Xeoparque Mundial Montañas do Courel aprobado pola Unesco. Grazas a esta decisión, Folgoso do Courel poderá beneficiarse das axudas públicas deseñadas especialmente para este tipo de municipios, un aspecto que repercutirá positivamente na elaboración dos plans e programas turísticos, nas actividades dirixidas á promoción interior e exterior e ao fomento da imaxe de Galicia, entre outras.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre