Inicio Galicia Román Rodríguez destaca que 15 científicos de prestixio internacional se unirán ás...

Román Rodríguez destaca que 15 científicos de prestixio internacional se unirán ás universidades galegas nas vindeiras semanas

0
image_gallery.jpg

A Xunta de Galicia vén de resolver a primeira convocatoria do Programa de Atracción e Retención do Talento dotado con 5 millóns de euros


O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da USC, Antonio López, visitaron hoxe en Santiago os laboratorios do CIMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas), onde o representante autonómico puxo en valor a aposta decidida que fai a Xunta de Galicia coa investigación e a innovación, así como a súa importancia para o desenvolvemento como sociedade e como país.

Durante a visita a un dos oito centros de investigación punteiros en Galicia, o titular de Educación destacou o compromiso do seu departamento coa carreira investigadora e anunciou que a Administración autonómica vén de resolver a primeira convocatoria do Programa de Atracción e Retención do Talento coa incorporación de 15 científicos cunha ampla e recoñecida traxectoria internacional en calidade de Investigador Distinguido, dez deles procedentes de fóra da Comunidade e outros cinco xa en Galicia.

Precisamente, a Universidade de Santiago de Compostela vai contar con catro destes científicos, dos cales dous desenvolverán o seu traballo no Instituto Galego de Físicas de Altas Enerxías (IGFAE), mentres que un estará no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) e outro no Departamento de Filoloxía Galega da USC. Ademais, na Universidade de Vigo serán sete os Investigadores Distinguidos (catro de Atracción e tres de Retención) e catro na UDC (tres de Atracción e un de Retención).

Este programa, ao que a Consellería destina un total de 5 M€, súmase ao de formación e retención de persoal investigador (con contratos predoutorais e posdoutorais) e ao apoio estable que a Xunta mantén cos grupos e estruturas de investigación, entre os que se atopan os oito Centros de Investigación, todos eles axentes científicos punteiros e recoñecidos tanto a nivel nacional como internacional.

Esforzo para garantir a seguridadeAdemais do impulso aos investigadores, o conselleiro referiuse tamén ao reforzo do apoio da Xunta de Galicia ás universidades galegas cunha inxección de case 14 M€ para facer fronte aos gastos derivados do contexto covid no eido universitario.

Como explicou Román Rodríguez, isto permitirá paliar o sobreesforzo económico que agora mesmo están realizando as universidades para garantir a seguridade sanitaria. Neste marco, o conselleiro puxo en valor o grao de consenso acadado entre os equipos reitorais das universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) para o reparto destes fondos en beneficio do conxunto da comunidade universitaria.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre