Inicio Galicia Román Rodríguez destaca o protagonismo galego na nova edición da Mostra Internacional...

Román Rodríguez destaca o protagonismo galego na nova edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

0

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións participou na inauguración da programación que inclúe 24 representacións e actividades do 17 ao 27 de xullo

Ribadavia (Ourense), 17 de xullo de 2020.- O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández, acompañados polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participaron hoxe na inauguración da 36ª edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia que se celebra desde hoxe e ata ao 27 de xullo co apoio da Xunta de Galicia.

Durante a apertura da programación, o titular de Cultura e Turismo en funcións agradeceu o esforzo da organización por manter a edición deste ano. “Seguramente houbera sido máis doado suspender os actos previstos para 2020, pero en situacións de incerteza como as que estamos a vivir é cando os proxectos culturais deben mostrar a súa fortaleza para adaptarse e seguir avanzando poñendo en valor o noso legado”, declarou.

Nesta mesma liña, Román Rodríguez fixo fincapé no compromiso desta cita cos profesionais do teatro galego, xa que, segundo salientou, o 70% da carteleira está composta por compañías da nosa Comunidade. “A importante presenza do sector galego afonda no espírito de ilusión, dinamismo e amplitude de miras co que o certame foi concibido en 1973 da man da emblemática Asociación Cultural Abrente”, afirmou. Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia colabora coa celebración deste evento mediante unha achega anual de 60.000 euros, o que a converte nunha das principais entidades colaboradoras.

Esta nova edición da MIT de Ribadavia celebrarase seguindo medidas especiais que permitan garantir a seguridade do público, como, por exemplo, o desenvolvemento ao aire libre da totalidade das 24 actividades programadas, entre funcións escénicas, presentacións e obradoiros. A este respecto, o representante da Xunta de Galicia subliñou que aínda que esta edición sexa diferente “seguirá senda unha magnífica oportunidade para enxalzar a arte teatral con maiúsculas e para alentar o encontro entre creadores e público de xeito tan gozoso como seguro”.

Danza e narración oralDentro das propostas galegas, a carteleira deste ano concederalles unha especial atención á danza e á narración oral. No primeiro dos casos, en Ribadavia poderán verse as últimas montaxes de Nova Galega de Danza xunto a Rosa Cedrón, Pálido Domingo, Kirenia Martínez Acosta ou La Macana, ademais de acoller a estadía artística de Laila Tafur dentro do programa Residencias Paraíso, organizado polo Colectivo RPM en colaboración coa Agadic. Pola súa banda, Paula Carballeira, Quico Cadaval, Pedro Brandariz, Isabel Risco, Celso Sanmartín, José Luis Gutiérrez Guti ou Fran Rei darán conta da gran conexión co público que mantén a narración oral galega.

O recentemente estreado Dreaming Juliet, de Elefante Elegante, e dous dos espectáculos máis premiados na pasada edición dos Premios María Casares de Teatro Galego −Liberto e Fariña− representaranse tamén nesta 36ª edición do encontro, no que Marta Pazos recibirá o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño. Xunto á súa compañía, Voadora, a directora impartirá ademais un taller de creación escénica a partir do Othello, de Shakespeare.

Estreas en GaliciaEntre as estreas da Mostra Internacional de Ribadavia, destaca a presentación en Galicia do premiado espectáculo Rebota, rebota y en tu cara explota, de Agnés Mateus e Quim Tarrida, e da montaxe de Teatro en Vilo Hoy puede ser mi gran noche, así como de Melancoholemia, coprodución da MIT con Antón Reixa, quen estará en escena xunto con Pedro Brandariz e baixo a dirección de Fernando Bernués, de Tanttaka Teatroa.

Nesta ampla programación, haberá tamén lugar para unha retrospectiva do director e dramaturgo Pablo Remón, así como para a peza visual e documental Tierras del Sud, de Azcona&Toloza.   

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre