Inicio Galicia Román Rodríguez destaca o forte incremento do turismo internacional en Lugo na...

Román Rodríguez destaca o forte incremento do turismo internacional en Lugo na inauguración do Eurostars Gran Hotel

0

O conselleiro de Cultura e Turismo afirmou que é un “símbolo que renace” para seguir sendo unha peza importante da paisaxe e a economía lucense

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asistiu hoxe á inauguración do Eurostars Gran Hotel Lugo, do que destacou ser un “símbolo que renace para seguir sendo unha peza importante da paisaxe urbana e da economía lucense”.

O conselleiro agradeceu a confianza do Grupo Hotusa, que “cre no potencial turístico de Lugo e da súa provincia”, xa que en Chantada conta tamén cun centro de reservas que xera emprego. “Iníciase unha nova etapa na cidade, o que sempre se traduce nunha boa nova e se a cidade progresa, é porque hai quen cre nela, quen inviste e aposta por ofrecer aquí novas oportunidades”, explicou Román Rodríguez na súa intervención.

O titular de Cultura e Turismo da Xunta repasou os positivos datos de turismo na cidade, nos que destaca un forte crecemento do mercado internacional no primeiro cuadrimestre do ano, cun 87% máis de demanda estranxeira nos seus hoteis. Ademais, Román Rodríguez destacou que só no mes de abril se superaron as 24.000 pernoitas, o que supón a segunda cifra máis elevada da década.“Isto é mostra da apertura de Lugo ao mundo, e non cabe dúbida de que a declaración de Patrimonio Mundial pola Unesco no ano 2000 foi un gran revulsivo turístico para a cidade e agora aspiramos a que a Ribeira Sacra sexa recoñecida como Patrimonio da Humanidade, dando un novo pulo ao turismo en toda a provincia”, afirmou Román Rodríguez. Un exemplo deste momento de crecemento turístico, destacou o conselleiro de Cultura e Turismo, é que o Camiño Primitivo, que discorre por Lugo, medrou máis dun 80% no último lustro ata acadar os máis de 15.000 peregrinos no 2018.

A oportunidade do Xacobeo 21Román Rodríguez destacou que a cidade amurallada “ten moito que ofrecer” aos visitantes, especialmente ante a oportunidade que para toda a Comunidade suporá o próximo Xacobeo 21, unha cita que agardou que sexa o “motor de cambio” da Galicia da próxima década. De cara a esa cita, a Xunta está a impulsar iniciativas como o Plan MAT de mellora de aloxamentos turísticos, cuxas dúas primeiras ordes están dotadas con 4 millóns de euros para mellorar as infraestruturas dos establecementos turísticos e para facilitar a modernización dos servizos.

Ademais, o Goberno galego vén de asinar un acordo de colaboración con Caixabank co obxectivo de preparar o sector turístico de cara ao vindeiro Ano Santo a través de dúas liñas de crédito por 1.000 millóns de euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre