Inicio Galicia Román Rodríguez destaca o carácter integral da actuación na igrexa da Trinidade...

Román Rodríguez destaca o carácter integral da actuación na igrexa da Trinidade cun investimento superior aos 400.000 euros

0

As obras do templo ourensán remataranse este ano e incluirán a renovación do sistema de cubertas e a consolidación da bóveda de barrotillo da nave

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, xunto ao bispo da Diocese de Ourense, José Leonardo Lemos, e do alcalde da cidade, Jesús Vázquez, visitou a igrexa da Santísima Trinidade de Ourense, templo que será obxecto de restauración durante este ano cun investimento superior a 400.000 euros.

Tal e como explicou o titular do departamento autonómico, que estivo acompañado pola delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, o obxectivo da intervención consiste na execución dunha serie de actuacións que melloren a situación actual da edificación. Deste xeito, resolveranse as patoloxías existentes no sistema de cubertas grazas á renovación das mesmas e da rede de evacuación de pluviais. Ademais, se prevé limpar a fachada, repoñer os rexuntados deteriorados, drenar os muros en contacto co terreo e sanear os paramentos interiores.

Román Rodríguez salientou o carácter integral desta actuación e explicou que, en función do seu estado actual e das necesidades que presente, se realizarán os traballos de consolidación da bóveda de barrotillo da nave. Restaurarase, así mesmo, a crestería, instalarase un novo pavimento de tarima de madeira de nogueira, renovarase a instalación eléctrica e instalarase a protección contraincendios entre outras actuacións.

Durante a visita, o conselleiro amosou o seu agradecemento á Diocese de Ourense, quen, a través dun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, puxo a disposición os terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración dos inmobles eclesiásticos.

A igrexa, orixinaria dos séculos XII e XIII –aínda que reformada nos séculos XV e XVI– conta cunha fachada con tripla arquivolta de arcos apuntados. O exterior do templo está coroado por unha crestería gótico-flamíxera e os contrafortes e torreóns cilíndricos reforzan o seu aspecto de fortaleza medieval. O interior presenta unha planta basilical e a súa capela maior cóbrese cunha bóveda. A porta de entrada do atrio pertencía ao primitivo hospital de San Roque, de época renacentista e o cruceiro é da época plateresca.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre