Inicio Galicia Román Rodríguez destaca en Xantar a capacidade da gastronomía para potenciar e...

Román Rodríguez destaca en Xantar a capacidade da gastronomía para potenciar e desestacionalizar o turismo

0

O conselleiro de Cultura e Turismo participou na inauguración da XXI edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra en Ourense ata o domingo

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da XXI edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar que se celebra na cidade de Ourense ata o vindeiro domingo, día 9. Trátase dun evento no que a Xunta de Galicia está presente para promocionar e enxalzar os produtos turísticos, agroalimentarios e pesqueiros e que reúne a profesionais do turismo e da gastronomía de países como España, Portugal, México, Costa Rica, Colombia ou Perú.

No transcurso da inauguración, Román Rodríguez destacou que Xantar “é un gran escaparate internacional para amosar que Galicia é unha gran potencia dentro do ámbito da enogastronomía” e para poñer en valor a rica e variada materia prima da nosa terra. Nesta liña, o titular de Turismo precisou que a riqueza dos nosos produtos fai posible que a gastronomía sexa a segunda razón pola que os viaxeiros deciden visitarnos.“No Goberno galego cremos no potencial da enogastronomía como motor de desenvolvemento económico e na súa capacidade para diversificar e desestacionalizar a oferta turística”, explicou Román Rodríguez quen sinalou que, por este motivo, a Xunta está a traballar na estratexia Galicia Sabe. “Trátase da folla de ruta que nos marca o camiño que temos que seguir para poñer en valor este recurso e para impulsar Galicia como un destino enogastronómico de referencia e dun xeito transversal”, afirmou. Ao amparo desta estratexia estanse a levar a cabo accións como a elaboración dunha guía que recolla o enorme patrimonio culinario de Galicia ou a creación dun mapa que permitiu identificar e localizar máis de 2.0000 recursos enogastronómicos co obxectivo de priorizar os destinos con maior valor neste eido.

A estratexia Galicia Sabe tamén inclúe o proxecto de renovación do Centro Superior de Hostelería de Galicia, que inclúe a mellora formativa, e os itinerarios creados arredor de produtos agroalimentarios con identidade propia e tradición como pode ser a Ruta do Mel e do Queixo ou a Ruta da Lamprea.

Expositor propioCon máis de 12.000 m² de superficie e preto de 300 expositores, Xantar é a única feira de turismo gastronómico acreditada da Península Ibérica. Conta con representación dunha decena de países e Galicia participa na edición deste ano a través das consellerías de Cultura e Turismo, Medio Rural e do Mar. No caso da primeira, hai un expositor propio de 24m² para promover a imaxe de Galicia e así reforzar a promoción e consolidación dos produtos turísticos na nosa Comunidade, entre os que salienta o turismo gastronómico.

A Consellería do Medio Rural, pola súa banda, conta cun posto onde están presentes 14 entidades agroalimentarias e no que se desenvolve un amplo programa de actividades e eventos nos que se poden coñecer e degustar produtos galegos con selos de calidade como o mel, carnes, augardentes, produtos ecolóxicos, pan, patacas, grelos, queixos e castañas. Tamén se promociona a marca de garantía Galega 100%, que distingue ao leite de calidade diferenciada producido en Galicia, cun espazo expositivo propio.

Pola súa parte, a Consellería do Mar está presente neste certame cun posto de 48 metros cadrados para enxalzar a variedade e calidade dos produtos que ofrece o mar de Galicia. Con ese obxectivo tamén se celebran numerosas degustacións de receitas elaboradas por relevantes cociñeiros da gastronomía galega coas que dar a coñecer as especiais características dos peixes e mariscos galegos.

Ribeira SacraUnha das principais novidades deste ano é a promoción internacional da Ribeira Sacra e o apoio a súa candidatura para formar parte da lista de Patrimonio Mundial da Unesco. Neste sentido, instalouse en Xantar un expositor específico do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra no que participan varios concellos do xeodestino. Tamén está representado neste stand o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Cómpre lembrar que o Goberno galego vén de entregar no Ministerio de Cultura y Deporte a documentación da candidatura da Ribeira Sacra para a súa revisión e envío á Unesco cumprindo así o compromiso con este excepcional legado.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre