Inicio Galicia Román Rodríguez destaca en Ferrol a importancia de que as vindeiras xeracións...

Román Rodríguez destaca en Ferrol a importancia de que as vindeiras xeracións manteñan o legado Xacobeo

0

O conselleiro de Cultura e Turismo visita o Festival do Camiño Inglés que reúne a 5.000 escolares de Ferrolterra arredor do Xacobeo 21


Ferrol, 18 de outubro de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou esta mañá, no porto de Ferrol, o I Festival Escolar do Camiño Inglés, un proxecto impulsado pola Federación de Anpas de Ferrol e Comarca que forma parte de O teu Xacobeo e que reúne entre 5.000 escolares de centros de Ferrolterra.

Na súa visita, Román Rodríguez tivo ocasión de visitar os stands que forman parte do festival, como o photocall do peregrino, o gran mapa, con información do Camiño Inglés; un espazo de arte en directo, onde pintores da Sociedade Artística Ferrolana crearon a súa propia obra inspirada na ruta ou no Xacobeo 21, e unha zona con obradoiros de cunchas con papiroflexia e de equipamento, no que se amosan as pezas fundamentais que debe levar un peregrino ou como se debe distribuír os pesos dentro da mochila. O conselleiro tamén coñeceu á mascota do festival, Frechi, e escoitou o himno do Camiño Inglés creado especialmente para o Festival, Segue a frecha.

O titular de Cultura e Turismo destacou a importancia de que se leven a cabo este tipo de actividades entre os máis cativos, xa que, no futuro, serán os encargados de conservar o legado xacobeo. “Estas actividades permiten que os nenos teñan máis contacto e coñecemento sobre a Ruta Xacobea, converténdoos en expertos e promotores do Camiño, algo imprescindible para asegurar o mantemento dos itinerarios xacobeos e que o Camiño de Santiago poida ser tamén un tesouro para a Galicia do futuro”, explicou o responsable da Xunta de Galicia.

O conselleiro estivo acompañado na súa visita, entre outros, pola presidenta da Federación de Anpas de Ferrol e Comarca, Patricia Pérez; a primeira tenente de alcalde do Concello de Ferrol, Maite Deus; o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol, José Vilariño, e o concelleiro do grupo municipal popular de Ferrol, Alejandro Padilla.

Participación de 14.000 escolaresO I Festival Escolar do Camiño Inglés é un dos proxectos que se están a desenvolver en centros educativos de Ferrolterra e no que estarán implicados 14.000 escolares ao abeiro do O teu Xacobeo, o programa da Xunta de Galicia que está a permitir a posta en marcha de máis de 350 iniciativas en toda a Comunidade co obxectivo de dinamizar os Camiños de Santiago de cara á celebración do Xacobeo 21.

Paralelamente ao festival, estanse a desenvovler as pergrinacions dun tramo do Camiño para que os nenos poidan vivir en primeira persoa a experiencia do Camiño. Esta segunda iniciativa desenvolverase ata o 31 de xaneiro e hai tres opcións de rutas deseñadas tendo en conta o ciclo escolar no que se atopen os estudantes: a máis pequena, dun quilómetro aproximadamente, entre o porto de Ferrol e a capela das Angustias; o segundo percorrido chegará ata a capela de Caranza e, o máis longo, de cinco quilómetros, ata o mosteiro de San Martiño de Xuvia, no Couto, no concello de Narón. Unha vez finalizado, os nenos poderán redactar o que sentiron durante a peregrinación nun Diario do Camiño.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre