Inicio Galicia Román Rodríguez destaca a posibilidade de gozar da música de forma segura...

Román Rodríguez destaca a posibilidade de gozar da música de forma segura no contexto da pandemia

0
image_gallery.jpg

Destaca que esta xira será un “merecido homenaxe” a un grupo “pioneiro en todos os sentidos”


O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou hoxe a posibilidade de “seguir gozando da música, da nosa identidade e da tradición popular galega dun xeito seguro”, malia o actual contexto de pandemia. Fíxoo no acto de presentación da xira do 40 aniversario do grupo Milladoiro, celebrado na sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia no que tamén participou o secretario xeral de Política lingüística, Valentín García.

Román Rodríguez explicou que esta xira é “un merecido homenaxe a unha banda histórica como Milladoiro”. A este respecto quixo salientar que foi unha banda “pioneira en case todos os sentidos”, ao ser un dos primeiros grupos “que apostaron decididamente pola música galega nun momento complexo como foi a Transición”, así como unha das primeiras bandas “que levou por todo o mundo a nosa cultura e a nosa identidade”. “Podemos dicir que Milladoiro foron e seguen sendo uns verdadeiros embaixadores da música galega en todo o mundo”, destacou.

Quixo tamén poñer en valor a vinculación da banda coa iconografía xacobea e co Camiño de Santiago, elementos presentes na súa extensa discografía; así como o labor de incorporación á súa música de influencias da música irlandesa e do mundo celta. En definitiva, catro décadas de traballo “nas que souberon reinventarse e nas que serviron como inspiración a outros moitos artistas”, dixo.

O conselleiro reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia, no contexto actual de crise sanitaria, de apoiar a cultura galega en sentido amplo, colaborando non só cos grupos emerxentes senón tamén a bandas tan consolidadas como Milladoiro”. Neste sentido, animou aos seus seguidores a gozar da música asistindo a algún dos 11 concertos que compoñen esta xira de 40 aniversario.

Cómpre lembrar que o Goberno galego está a impulsar un Plan de reactivación cultural fronte aos efectos da covid-19, que permitiu a posta en marcha desde o mes de abril de case 4.500 accións culturais en prol da progresiva evolución do sector no actual contexto, a través dun investimento total de 26 millóns de euros.

Embaixadores da cultura galegaOs integrantes do grupo Milladoiro levan catro décadas actuando como embaixadores da cultura galega arredor do mundo, a través da ampla traxectoria de xiras e concertos por diferentes países de Europa, Asia e América.

Desde este mesmo mes de outubro e ata fin de ano os seus seguidores poderán gozar en directo dos principais éxitos da súa extensa discografía nalgún dos 11 concertos da xira do 40 aniversario.

As citas musicais celebraranse nos concellos de Mos, Santiago de Compostela, O Pino, A Estrada, Ames, Tui, Monforte, Portas, Vilanova de Arousa, O Barco de Valdeorras e Sobrado dos Monxes.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre