Inicio Galicia Román Rodríguez convoca este mércores a toda a comunidade educativa no Consello...

Román Rodríguez convoca este mércores a toda a comunidade educativa no Consello Escolar de Galicia para abordar o inicio de curso

0
image_gallery.jpg

Na reunión deste órgano consultivo superior, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, escoitará as demandas de familias, do profesorado e das organizacións sindicais, todos eles nel representados


O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, vén de convocar ao conxunto da comunidade educativa, a través do Consello Escolar de Galicia, para unha xuntanza de traballo que terá lugar o próximo mércores, co obxectivo de abordar o inicio do curso escolar no actual contexto.

Tras asumir o departamento de Educación da Xunta de Galicia, esta reunión será a primeira toma de contacto de Román Rodríguez con todos os integrantes da comunidade educativa galega, xa que no Consello Escolar de Galicia están representadas as familias (a través das confederacións e federacións de anpas) as organizacións sindicais, o persoal de administración e servizos, a administración educativa, a administración local, e as universidades, entre outros.

Deste xeito o conselleiro poderá escoitar de primeira man as demandas e preocupacións das familias e do profesorado, co fin de elaborar unha folla de ruta conxunta de cara a un inicio de curso o máis seguro posible, tendo en conta a situación excepcional de pandemia.

Cómpre lembrar que o Consello Escolar de Galicia é o órgano superior de consulta, de participación dos sectores afectados na programación xeral do ensino e de asesoramento verbo dos proxectos de Lei ou dos regulamentos que fosen propostos ou ditados pola Xunta no ámbito da Comunidade Autónoma. Convocalo para abordar este asunto é unha clara mostra da importancia que dá a Xunta de Galicia a este inicio de curso, pola súa excepcionalidade e polo necesario que resulta sumar esforzos tanto a nivel de Administracións como dos diferentes axentes sociais.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre