Inicio Galicia Román Rodríguez avanza que a Xunta ultima unha proposta integral para impulsar...

Román Rodríguez avanza que a Xunta ultima unha proposta integral para impulsar Lugo como referente cultural

0

O conselleiro de Cultura e Turismo sinalou no Parlamento que se está traballando nun estudo para analizar conxuntamente a oferta da cidade e facer que xogue “un papel protagonista” no novo ciclo xacobeo


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, avanzou hoxe no Parlamento que a Xunta ultima unha proposta integral para impulsar Lugo como referente cultural. Na súa intervención na Cámara, explicou que o Goberno galego traballa nun estudo para realizar unha análise detallada da oferta da cidade e levar a cabo accións orientadas a que xogue “un papel protagonista” no novo ciclo que se inicia co Xacobeo 21.

Segundo o titular de Cultura e Turismo, é necesario “non volver caer nos erros do pasado”. Neste sentido, citou o caso de infraestruturas como o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) que, malia contar cun elevado investimento por parte das administracións públicas, non xerou as expectativas agardadas ao rexistrar apenas 14 visitas diarias.

Na súa intervención, Román Rodríguez ratificou o compromiso da Xunta á hora de dotar aos lucenses de espazos que permitan difundir a pegada da romanización, non só na cidade senón tamén en toda a provincia. De feito, chamou a aproveitar a “oportunidade” que supón a futura Lei de Museos de Galicia para traballar en “vías innovadoras” que favorezan unha planificación integral da oferta museística da cidade.

Posta en valor do patrimonioO conselleiro de Cultura e Turismo destacou o traballo de posta en valor do patrimonio da capital lucense como a recuperación por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) do Pazo de Dona Urraca ou a Casa-Torre, ambos no histórico barrio da Tinería. Neste eido, salientou tamén o compromiso da Xunta coa conservación e recuperación do Cuartel de San Fernando, declarado Ben de Interese Cultural, como está a facer con outros elementos patrimoniais como a Muralla ou a igrexa de San Pedro, cun investimento de máis de 1 M€ en 2020.

A este respecto, Román Rodríguez agardou que o citado estudo permita “impulsar Lugo como unha das capitais referencia da cultura no norte peninsular”, avanzando ademais na conservación e posta en valor do patrimonio da cidade “dun xeito planificado e integral”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre