Inicio Galicia Román Rodríguez anuncia que a Xunta iniciará o estudo para a incoación...

Román Rodríguez anuncia que a Xunta iniciará o estudo para a incoación como Ben de Interese Cultural do entroido

0

O conselleiro participou hoxe nos festexos do entroido de Xinzo de Limia, que se celebra por primeira vez tras ser declarado de Interese Turístico Internacional


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado pola delegada da Xunta na provincia, Marisol Díaz Mouteira, participou esta mañá nas celebracións do entroido de Xinzo de Limia, declarado de Interese Turístico Internacional e o máis longo de España, con cinco semanas de duración.

Foi alí onde anunciou que, en aras de conservar tanto o patrimonio material como inmaterial, a Consellería iniciará o estudo para a incoación como Ben de Interese Cultural do entroido. Román Rodríguez lembrou que esta festividade con fondas raíces en Galicia contribúe a situar á comunidade como un dos destinos favoritos para o turismo, tamén no inverno. Precisamente, Ourense, que conta ademais cun entroido de Interese Turístico Nacional (Verín) e outros cinco de Interese Turístico Galego (Viana do Bolo, Laza, Maceda, Manzaneda e Vilariño de Conso), foi a provincia galega na que máis medrou a demanda turística o ano pasado, cun incremento de preto dun 3%.

Torre da PenaPreviamente a participar do entroido de Xinzo de Limia, Román Rodríguez visitou o Castelo Torre da Pena da mesma localidade, un Ben de Interese Cultural que será obxecto de restauración.

O titular de Cultura e Turismo avanzou que o seu departamento investirá neste fin 225.600 euros con financiamento de fondos Feder 2014-2020 e informou de que se licitará neste 2019 e xa se está a ultimar a redacción do proxecto básico de execución para a posta en valor da Torre da Pena.

O proxecto, tal e como indicou o conselleiro, define as actuacións necesarias para resolver as filtracións desde a cuberta e restaurar a torre. Ademais, recuperarase a lectura da muralla exterior para dar a coñecer o castelo.

Román Rodríguez lembrou que os traballos realizados en anos previos pola Administración autonómica permitiron comprobar a existencia de muros e paramentos pertencentes a restos dun antigo castelo medieval, dos que a Torre da Homenaxe é o elemento máis visible da fortaleza.

Actuacións previstasMáis polo miúdo, os traballos consistirán na retirada da vexetación do lenzo da muralla, repoñer e recolocar as pedras caídas e consolidar a parte superior dos muros da muralla con morteiro de cal. Así mesmo, adecuaranse os niveis para novos accesos na contorna e pavimentaranse os miradoiros con zahorra estabilizada con cal. Instalarase unha escaleira e unha pasarela de acceso e a cuberta da Torre será obxecto de reparación para evitar filtracións.

Tras estes traballos, realizarase un seguimento arqueolóxico de actuacións que o requiran, executaranse catas arqueolóxicas que acheguen datos para a tomar de decisión na intervención arquitectónica, e sinalizaranse e incorporaranse os recursos divulgativos que permitan potenciar e poñer en valor o conxunto das torres defensivas da Baixa Limia.

A maiores, está previsto ampliar a zona da limpeza no entorno da Torre así como limpar outras fortalezas da Limia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre