Inicio Galicia Redes, territorio e memoria centran o XII Congreso Internacional de Estudos Galegos

Redes, territorio e memoria centran o XII Congreso Internacional de Estudos Galegos

0

O secretario xeral de Política Lingüística e o delegado da Xunta participaron esta mañá no acto de inauguración celebrado na Casa de Galicia en Madrid


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, participaron esta mañá na Delegación da Xunta/Casa de Galicia en Madrid na inauguración do XII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que reúne entre o 10 e o 15 de setembro galicianistas de todo o mundo arredor do tema “Novos horizontes para unha Galicia global: redes, territorio, memoria”.

Valentín García loou o labor da AIEG, que “hoxe reúne neste congreso investigadores galegos con outros chegados de moi lonxe para traballar e debater sobre a nosa lingua e cultura e que segue realizando -á par da Secretaría Xeral de Política Lingüística e co seu apoio- un labor impagable de proxección exterior do idioma de Galicia”. O secretario xeral quixo lembrar que “a lingua galega ten na actualidade os mellores índices de uso e competencias das linguas cooficiais de España” e tamén “que este ano lle dedicamos o Día das Letras Galegas a unha muller que naceu fóra da nosa comunidade, pero que asumiu o seu idioma como propio, algo que, dalgún xeito, fan tamén galicianistas de todo o mundo que dedican os seus esforzos a estudar e dar a coñecer o galego en Europa, América ou Asia”.

Leer más:  Formoso espera que Sánchez siga y acusa al PP de rebasar todas las líneas rojas

Pola súa banda, o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, resaltou a participación no congreso dun elevado número de especialistas en diferentes campos dos estudos galegos procedentes de universidades de todo o mundo, que achegan traballos interdisciplinares e propostas innovadoras. Neste sentido, desexoulles un próspero traballo en favor da lingua galega, sumando as contribucións dos mozos e mozas investigadores ás dos especialistas máis consolidados.

Acompañáronos Carmen Mejía, presidenta da AIEG e directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense, onde se celebrarán a maior parte das sesións do congreso, e Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, quen impartiu a conferencia plenaria de apertura deste encontro.

Máis de 150 intervencións previstasCinco intensos días de relatorios, paneis, mesas, presentacións de libros, conferencias e sesións plenarias arredor dos eixes temáticos redes, territorio e memoria compoñen o programa do XII Congreso Internacional da AIEG. Pódense destacar as conferencias plenarias de Víctor Freixanes, Carlos Núñez, Ramón Villares, Kathleen March e Harvey L. Sharrer, pero haberá en total máis de 150 intervencións que converterán ata o 15 de setembro a Universidade Complutense de Madrid en punto de encontro e foro de discusión para a investigación sobre a lingua, a cultura e a historia de Galicia.

Leer más:  Los trabajadores de Navantia Ferrol detienen la producción durante cuatro horas

No marco do congreso celebrarase tamén a asemblea da AIEG e haberá diversas actividades culturais, como a visita ao Ateneo de Madrid, onde se celebrará a sesión de clausura, ou á Real Biblioteca do Mosteiro de San Lorenzo do Escorial, onde os investigadores poderán admirar os códices orixinais das Cantigas de Santa María (século XIII) e da versión galega da General estoria (século XIV) de Afonso X o Sabio, así como escoitar a música en directo de Carlos Núñez, que interpretará algunha das cantigas coa participación de músicos e da Escolanía do Escorial.

A AIEGA Asociación Internacional de Estudos Galegos, AIEG, é unha organización sen fin de lucro creada no ano 1985 por iniciativa dos centros de estudos galegos de universidades de Europa e América que integran a Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, dedicada a dar a coñecer a lingua e a cultura galega en todo o mundo. A Asociación está dedicada á promoción internacional dos estudos galegos coa vontade de propiciar o intercambio entre especialistas de diversas disciplinas que se ocupan da realidade galega e de fomentar a presenza da cultura galega no mundo, nomeadamente no eido académico.

Leer más:  Formoso espera que Sánchez siga y acusa al PP de rebasar todas las líneas rojas

Desde o primeiro dos seus encontros -celebrado no ano 1985 na Universidade de Maine-Orono, nos Estados Unidos- organiza con periodicidade trianual un congreso internacional que lles dá oportunidade ás e aos galicianistas de todo o mundo de compartiren os seus traballos e de reflexionaren sobre a realidade galega.


- Te recomendamos -