Inicio Galicia Ratificado no Parlamento o compromiso da Xunta pola "práctica do deporte de...

Ratificado no Parlamento o compromiso da Xunta pola "práctica do deporte de forma libre, voluntaria e democrática para toda a cidadanía en termos de igualdade e sen discriminación ningunha"

0

O secretario xeral para o Deporte cifra o apoio prestado pola Xunta ao deporte feminino neste 2019 en 550.000 euros dirixidos especificamente a accións de igualdade a través das federacións, 145.000 euros (o 40% do total das axudas) ás nosas deportistas galegas de alto nivel ou máis de 1,5 millóns de euros aos equipos femininos e mixtos de alta competición galegos (o 48% do total dos equipos patrocinados)


O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, compareceu esta mañá na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia para dar resposta á pregunta sobre o coñecemento polo Goberno galego das discriminacións por razón de sexo que hai no deporte feminino en Galicia, o cumprimento na actualidade da lexislación estatal e autonómica vixente en materia de igualdade e a súa opinión referida á situación que padecen as árbitras de balonmán, así como as actuacións previstas ao respecto. Alí, o secretario xeral para o Deporte aseverou que “o Goberno galego non só cumpre coa normativa en vigor senón que traballa arduamente pola promoción e procura da imprescindible igualdade na práctica deportiva e de actividade física entre as galegas e os galegos”. “Promover o dereito de toda a cidadanía a coñecer e a practicar deporte de forma libre, voluntaria e democrática, en termos de igualdade e sen discriminación ningunha, é obxectivo principal de actuación”, sentenciou.

O responsable da carteira autonómica de Deporte cifrou ademais o apoio prestado pola Xunta de Galicia ao deporte feminino neste 2019 en 550.000 euros dirixidos especificamente a accións de igualdade a través das federacións, 145.000 euros (o 40% do total das axudas) ás nosas deportistas galegas de alto nivel ou máis de 1,5 millóns de euros aos equipos femininos e mixtos de alta competición galegos (o 48% do total dos equipos patrocinados).

Lete Lasa aproveitou a súa presenza no hemiciclo galego para realizar un chamamento á denuncia dos casos concretos de discriminación por razón de sexo, procurando sempre a defensa efectiva dos dereitos das deportistas. Neste sentido enumerou as actuacións mais relevantes levadas a cabo desde a Secretaría Xeral para o Deporte como que “non poden obter a condición de beneficiarios das subvencións que o departamento convoca os clubs, sociedades anónimas deportivas ou seccións deportivas que discriminen nos premios ou recoñecementos que outorguen ás persoas deportistas por razón de xénero; ou que na convocatoria de axudas á actividade dos clubs deste ano 2020 e que será publicada en breves datas, establécese expresamente unha puntuación específica para o desenvolvemento de actuacións en prol da igualdade efectiva de homes e mulleres no deporte así como contra a violencia machista, o que se suma á obrigatoria adhesión ao Manifesto pola Igualdade”.

Do mesmo xeito, o mandatario galego lembrou que no caso dos convenios asinados coas federacións deportivas galegas e no patrocinio dos eventos deportivos, “deben velar pola igualdade efectiva entre mulleres e homes” no que atinxe á igualdade nos premios, probas ou competicións oficiais que garantan a igualdade, así como a igualdade salarial de traballadoras e traballadores.

O responsable da carteira de Deporte sinalou outras medidas “activas e positivas cara o fomento da igualdade” como “a promoción da presenza da muller nos órganos decisorios das entidades deportivas, o fomento dos valores da igualdade no programa de deporte en idade escolar Xogade, a colaboración coas federacións para a promoción, por cada unha delas, da súa respectiva modalidade entre o xénero menos representado, o investimento e actuacións directas –grazas á colaboración coa secretaría xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e coa CRTVG- no fomento e visibilización de deporte feminino, ou as novas medidas incluídas no futuro novo decreto de deporte de alto nivel de Galicia no que se está a traballar”.

Federación Galega de BalonmánNo caso concreto das “eventuais limitacións do dereito a arbitrar determinadas competicións masculinas de balonmán” explicitado na pregunta parlamentaria, o titular da Secretaría Xeral para o Deporte asegurou que “esa circunstancia non se dá no balonmán galego, tal e como indica a Federación Galega de Balonmán”. “As árbitras están habilitadas, ao igual que os árbitros, para pitar calquera categoría sempre e cando a súa condición deportiva o permita, condición esta que se acada unicamente por méritos formativos e técnicos, sen realizar ningún tipo de distinción por sexo”, enfatizou e tras nomear algunhas das xuízas galegas deste deporte máis recoñecidas, inclusive con experiencia internacional, informou que “en Galicia hai máis de dez colexiadas que todas as fins de semana dirixen encontros da máxima categoría autonómica distribuídas en parellas femininas e mixtas e na propia xunta directiva da Federación galega de Balonmán o 50% son mulleres”.

Ao fío desta idea, Lete Lasa aclarou que no balonmán galego non existen parellas fixas de árbitros xa que estas mudan practicamente cada fin de semana (as femininas, as masculinas e as mixtas) polo que ningunha muller ou home perdería oportunidades deportivas en función das circunstancias laborais dun compañeiro ou compañeira.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre