Inicio Galicia Quince concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta acollen actividades arredor...

Quince concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta acollen actividades arredor da celebración do 25N

0

Redondela, O Porriño, Sanxenxo, Verín, Teo, Portas, Vilagarcía, Xinzo de Limia, Caldas de Reis, Carral, Xove, Viana do Bolo, A Pobra do Caramiñal, Santa Comba e Oleiros programan as de ‘Nós contra a violencia’ e ‘FalaRedes’


Un total de 15 concellos participantes na Rede de Dinamización Lingüística (RDL) acollen esta fin de semana outras tantas actividades do programa FalaRedes, desenvolvido pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e da campaña Nós contra a violencia, esta última en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade para darlle cumprimento desde a Xunta de Galicia aos obxectivos establecidos no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Dentro do programa Nós contra a violencia de xénero as citas comezan hoxe mesmo, venres, no IES Chapela de Redondela da man de Xiana Arias e da actividade Danza contemporánea pola igualdade, un obradoiro dirixido a alumnado de ESO que emprega a música, a palabra e a expresión corporal para propoñer formas de relación afastadas de prexuízos sexistas.

No marco da devandita campaña inscríbese Cinco minutos sen respirar, de Ítaca Teatro. A primeira actuación será tamén hoxe, venres, no Auditorio Pardo Bazán de Sanxenxo ás 20,00 h. O domingo poderá gozarse no Teatro Elma da Pobra do Caramiñal, ás 19,00 h. A peza teatral, dirixida ao público adulto, achégase a temas como o amor, o suicidio, a familia, a violencia e a necesidade humana de imaxinar historias para fuxir da realidade.

O rueiro das liortas, da compañía do Elefante Elegante, dáse tamén cita hoxe ás 20,30 horas no Auditorio Constante Liste da Ramallosa, en Teo, e mañá, sábado 23, en Caldas de Reis, cunha nova función no Auditorio ás 21,00 h. O domingo 24 a actividade, que reflexiona sobre a situación desigual da muller na sociedade, poderá verse en Oleiros (no Centro Cultural A Fábrica, ás 19,30 h). Trátase dunha proposta pensada para familias con nenos e nenas de máis de oito anos.

Os Ghazafellos levarán mañá, sábado, á Iriña Bailarina a Portas, en sesión matinal no Albergue de Briallos, ás 12,00 h., e o domingo pola mañá a Carral (ao Centro Social Toñito Espiñeira, ás 12,00 h.) e pola tarde a Xove (á Casa da Cultura, ás 18,00 h). O espectáculo presenta a historia dunha bailarina de caixa de música e dun moneco de futbolín que queren cambiar de vida e que nos mostran que é posible mudar roles e romper cos estereotipos de xénero.’Rosa Caramelo’ e ‘Fillos do sol’, na recta final do FalaRedes 2019Talía Teatro completa estes días a súa xira Rosa Caramelo e outras historias no FalaRedes 2019. As paradas son hoxe, venres, no Porriño (na Biblioteca Municipal, ás 18,00 h.); mañá, sábado 23, en Vilagarcía de Arousa (no Salón García, ás 12,30 h), e o domingo 24 en Viana do Bolo (na Casa da Cultura, ás 18,00 h). O espectáculo teatral de dinamización lingüística vai dirixido ao público familiar e inspírase nos contos de Adela Turín para darlles a volta aos roles e estereotipos de xénero.

O público adulto, desde os catorce anos, tamén ten a súa cita semanal co FalaRedes e coa proposta Fillos do sol, da man de Contraproducións e de Cándido Pazó, para achegarse á figura de Eduardo Pondal e á súa obsesión coa obra que o ocupou toda a súa vida como escritor, Os Eoas. No Auditorio de Verín, ás 20,30 h., hoxe; mañá, sábado 23, na Casa da Xultura de Xinzo de Limia, ás 20,30 h., e o domingo 24 en Santa Comba, no Auditorio Multiúsos, ás 19,00 h. Coma sempre nos programas de dinamización lingüística que promove a Consellería de Cultura e Turismo en concellos da RDL, a entrada á actividade é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información e calendario completo poden consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre