Inicio Galicia Preto do 60% das farmacias adxudicadas no último concurso público xa teñen...

Preto do 60% das farmacias adxudicadas no último concurso público xa teñen autorización favorable para a súa instalación

0

As 40 novas oficinas de farmacia poderían estar abertas na primeira metade de 2021

O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, acudiu hoxe ao Parlamento de Galicia para explicar na Comisión 5ª en que punto se atopa o concurso público para a adxudicación de 40 novas oficinas de farmacia.

A día de hoxe, unha destas oficinas xa ten rematadas as obras e outras 23 xa contan coa autorización favorable para instalarse no emprazamento elixido (nove na provincia de A Coruña, tres en Lugo, tres en Ourense e oito en Pontevedra). As 16 restantes, están a espera de que se lles autorice á instalación e, a partires dese momento, terán seis meses prorrogables por outros tres para realizar as obras de acondicionamento necesarias. Todo parece indicar que na primeira metade do vindeiro ano, estas 40 novas oficinas de farmacia poderían estar xa abertas ao público.

Alberto Fuentes destacou a transparencia coa que se realizou a cabo todo o proceso, ao que se presentaron un total de 627 solicitudes das que se admitiron definitivamente 608. Así mesmo, o secretario xeral técnico fixo unha especial mención ao traballo da comisión de valoración e aos colexios oficiais de farmacéuticos, dos que destacou “a súa incondicional colaboración e implicación ao longo de todo o proceso”.

Previamente a este concurso público, levouse a cabo a elaboración dun novo mapa farmacéutico, coa planificación da autorización de novas oficinas de farmacia e a delimitación territorial para a súa ubicación. Este novo mapa resultaba absolutamente necesario, dado que as circunstancias a ter en conta para determinar ás necesidades de servizo reais da poboación (tales como padrón municipal, centros sanitarios públicos, e oficinas de farmacia existentes) tiñan mudado substancialmente desde a aprobación do antigo mapa farmacéutico, que databa de 2002.

Entre as novidades deste último concurso, cómpre subliñar a actualización do baremo aplicable para a valoración dos méritos, que daba un maior peso á experiencia profesional, e a adxudicación das oficinas de farmacia nun acto único, o que axilizou significativamente o proceso ao realizar nun só día un procedemento que noutros concursos tiña levado meses.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre