Inicio Galicia Preto de 93.000 estudantes de ESO, Bacharelato e FP comezaron hoxe o...

Preto de 93.000 estudantes de ESO, Bacharelato e FP comezaron hoxe o curso en Galicia con normalidade

0
image_gallery.jpg

O resto do estudantado, ata completar os arredor de 206.000 alumnos, iranse incorporando de xeito progresivo ás aulas entre mañá e pasado


Un total de 92.579 estudantes das etapas de ESO, Bacharelato e Formación Profesional comezaron hoxe o curso escolar con normalidade seguindo o calendario escalonado establecido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade de acordo cos equipos directivos de secundaria para o arredor de 206.000 alumnos de secundaria e FP.

Así, na xornada de hoxe volveron ás aulas os alumnos de 1º e 2º de ESO e os de 1º de Bacharelato, 1º de FP de grao medio e 1º de FP de grao superior e as ensinanzas básicas de educación para persoas adultas polas modalidades presencial e a distancia. Mañá xoves, día 24, farano os 62.443 alumnos de 3º de ESO, de 2º de Bacharelato, 2º de FP de grao medio e 2º de FP de grao superior; e o venres día 25 incorpóranse os 26.791 que cursan 4º de ESO, e todos os cursos de FP Básica. Ademais, hai que engadir os 24.000 estudantes de ensinanzas de réxime especial (adultos, artísticas e deportivas), que tamén se incorporan ás aulas a partir de hoxe.

Reforzo de máis de 1.100 docentes para secundariaEste curso escolar en secundaria está marcado tamén polo reforzo do profesorado coa contratación de 1.107 novos profesores para as etapas de ESO, Bacharelato e FP, que xa están incorporados nos seus respectivos centros. Deles, 847 son novos docentes para reforzar as medidas de seguridade contra a covid e 260 son para atender o incremento da oferta.

Cómpre salientar tamén a contratación de 322 docentes de apoio para secundaria a través do programa ARCO de reforzo educativo que, xunto coas contratacións para Infantil e Primaria, elevan a preto de 2.000 docentes (un 6,2% máis sobre a plantilla total) o número total de novo profesorado no sistema educativo galego este curso.

O reforzo do profesorado foi a principal medida posta en marcha polo departamento educativo da Xunta para garantir a seguridade sanitaria e a calidade educativa nos centros escolares durante este curso marcado pola pandemia. A maiores, como medidas adicionais para facilitar a xestión e organización do inicio de curso en Secundaria, tamén se estableceu a opción voluntaria para os centros de establecer semipresencialidade ou quendas de tarde, ou instalar mamparas.

Seguimento da folga e incidenciasNeste primeiro día de comezo de clases en secundaria, no que o persoal docente estaba convocado á folga por parte dalgunhas organizacións sindicais, o paro foi seguido polo 3,17% dos profesores. Por provincias secundaron a folga un 2,45% de docentes na Coruña, un 3,71% en Lugo, un 1,36% en Ourense e un 4,52% en Pontevedra.

A Xunta de Galicia quere agradecer a responsabilidade dos docentes neste inicio de curso en secundaria, ao igual que xa o demostraron os mestres de infantil e primaria, nun contexto excepcional de volta ás aulas que require da implicación do conxunto da comunidade educativa.

Apoio das forzas e corpos de seguridade do EstadoDoutra banda, o conselleiro Román Rodríguez vén de solicitarlle ao delegado do Goberno en Galicia a colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e da Policía Local para garantir a seguridade neste inicio de curso.

A través dunha misiva, o titular de Educación demanda á Delegación do Goberno en Galicia que reforce a presenza das FCSE nas contornas dos recintos educativos, intensificando o seu labor para evitar aglomeracións e outras accións que poidan supor un risco para a saúde, especialmente nos momentos de entrada e saída dos centros.

Román Rodríguez considera que a colaboración tanto das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado como da Policía Local “é fundamental” para garantir que a aplicación das medidas de seguridade na loita contra a covid sexa o máis eficaz posible, tamén no ámbito educativo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre