Inicio Galicia Preto de 9.000 persoas inscribiron o seu testamento vital no rexistro galego...

Preto de 9.000 persoas inscribiron o seu testamento vital no rexistro galego de instrucións previas

0

O documento pode formalizarse ante testemuñas, notarios e, dende 2015, tamén ante funcionario habilitado

Un total de 674 persoas teñen formalizado, nos seis primeiros meses do ano, a súa inscrición no Rexistro Galego de Instrucións Previas. Delas, o 62% son mulleres e o 38% homes. A idade media dos outorgantes, nestes seis primeiros meses de 2019, é de 60 anos. No referido ao contido do documento, practicamente a totalidade dos asinantes (máis do 99%) fan mención expresa sobre os coidados e os tratamentos da súa saúde. O 52% mostrouse favorable á doazón de órganos e tecidos, e o 18% manifestou a súa intención de doar o seu corpo.

Con estes 674 novos inscritos no primeiro semestre do ano, o Rexistro Galego de Instrucións previas conta xa con 8.989 persoas dende a súa entrada en funcionamento, en febreiro de 2008.

Por provincias, o 45% das persoas anotadas no primeiro semestre concéntrase na Coruña, seguida de Pontevedra co 37%, Lugo co 11% e Ourense co 6%.

Observando a formalización do documento, do total dos 674 inscritos nos seis primeiros meses, o 10% formalizou o documento ante testemuñas, o 20% das persoas o fixo ante notario, e o 70% ante un funcionario habilitado. Esta última opción está dispoñible dende xaneiro de 2015.

Por medio do documento de instrucións previas, unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade, coa fin de que esta se cumpra no momento en que chegue a situacións nas que non sexa quen de expresala persoalmente, sobre os coidados e o tratamento da súa saúde ou, unha vez chegado o falecemento, sobre o destino do seu corpo ou dos seus órganos.

TendenciasAs porcentaxes dos seis primeiros meses do ano siguen a tendencia amosada en datas anteriores. Así, os datos a 31 de decembro reflectían, ao igual que no comezo de 2019, unha porcentaxe maior de mulleres outorgantes (63,5% fronte a 36,5% de homes) e unha idade media de 58 anos.

As porcentaxes provinciais tamén son similares, posto que, a 31 de decembro do pasado ano, a provincia de residencia maioritaria dos outorgantes foi a Coruña, cun 48%, seguido de Pontevedra, cun 37%, Lugo cun 11% e Ourense, cun 9%. Así mesmo, a maioría dos contidos dos documentos a finais do pasado ano facían referencia aos coidados e tratamentos, e apréciase, neste primeiro semestre, un incremento nas doazóns amosándose un 52% favorable á doazón de órganos (fronte ao 47% anterior) e o 18% a doar o seu corpo (fronte ao 6% anterior de finais de 2018).

Lugar de presentación da documentaciónAs solicitudes de inscrición poden presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia; en calquera rexistro autonómico ou estatal; nos servizos centrais da Consellería de Sanidade en Santiago e en calquera das unidades do Rexistro galego de instrucións previas.

Toda persoa que o desexe pode dirixirse, ben de forma presencial ou telefónica, a calquera destas unidades, onde se lle proporcionará a información e axuda necesaria, tanto na elaboración do documento como nos trámites para a súa inscrición. .

Tamén se poderá depositar o documento nos rexistros oficiais ou mesmo nos centros do Servizo Galego de Saúde, que darán traslado para a súa tramitación no Rexistro Galego.

O documento de instrucións previas deberá estar formalizado ante tres testemuñas maiores de idade con plena capacidade de obrar, das que dúas, como mínimo, non poderán ter relación de parentesco ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade, nin estar vinculadas por relación patrimonial, coa persoa outorgante. Tamén se poderá formalizar ante notario ou ante un funcionario do propio Rexistro Galego de Instrucións Previas ou dunha das súas unidades, sen necesidade da presenza de testemuñas.

Na páxina web do Sergas (www.sergas.es) pódese atopar información ao respecto.

Consulta na historia clínica electrónicaOs profesionais sanitarios poden consultar o documento de instrucións previas rexistrado a través da Historia Clínica Electrónica, para que sexa tido en conta naquelas circunstancias nas que sexa preciso. Así mesmo, o Rexistro Galego de Instrucións Previas sobre Coidados e Tratamento da Saúde está integrado no Rexistro Nacional para, deste xeito, contribuír a asegurar a eficacia deste dereito en todo o Estado. Polo tanto, as instrucións previas, con independencia da Comunidade Autónoma, poden ser coñecidas polos profesionais sanitarios aos que nese momento corresponda a responsabilidade da prestación da asistencia sanitaria.

Entre as funcións do Rexistro Galego están a de inscribir os documentos de instrucións previas, así como a súa substitución ou revogación, que se pode facer en calquera momento. Ademais de facilitar o coñecemento da existencia e o contido dos documentos inscritos aos profesionais responsables da asistencia sanitaria, custodian os mesmos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre