Inicio Galicia Preto de 7.000 votos da cidadanía elixiron os cinco mellores proxectos sustentables...

Preto de 7.000 votos da cidadanía elixiron os cinco mellores proxectos sustentables dos grupos de acción local pesqueira de Galicia

0

Os galardóns recoñeceron unha iniciativa de depuración e venda de marisco en Cedeira, o Albergue Estela do Mar de Baiona, as obras de restauración do dique da Cabana de Ferrol, unha planta de produción de aceite a partir de microalgas en Carballo e un sistema de mallas protectoras para as cordas do mexillón

Preto de 7.000 votos da cidadanía axudaron a escoller os cinco proxectos sustentables dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) gañadores da segunda edición dos Premios Economía Azul. Os recoñecementos anunciáronse hoxe nunha gala celebrada na Cidade da Cultura e na que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, felicitou tanto aos cinco proxectos gañadores como aos dez finalistas e ao resto de iniciativas presentadas nos últimos anos “por contribuír ao desenvolvemento da Galicia costeira pensando globalmente e actuando localmente”.

A titular de Mar agradeceu a aportación destes proxectos ás zonas costeiras de Galicia no marco do acto de entrega destes galardóns, celebrado na Cidade da Cultura e que tamén contou coa participación do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, da secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Carmen Bouso, os representantes das confrarías de pescadores, unha representante da Rede Europea das Zonas de Pesca (Farnet), e as presidentas e presidentes dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) de Galicia.

As iniciativas que resultaron gañadoras destes premios foron no eido de apoio á pesca costeira artesanal, o proxecto Do mar á mesa: Depuración e punto de venda, do GALP A Mariña-Ortegal. No ámbito da creación de emprego, a iniciativa gañadora foi Albergue Estela do Mar, do GALP Ría de Vigo-A Guarda, e no de diversificación, o proxecto elixido foi Obras de Restauración do Dique da Cabana e a súa contorna, do GALP Golfo Ártabro Norte.

Mentres, no referente a innovación local, a iniciativa premiada foi a planta de produción de aceite de microalgas do GALP Costa da Morte e na categoría de economía circular -un galardón de nova creación nesta edición- o proxecto elixido foi Produción de mallas protectoras biodegradables para o cultivo de mexillón, do GALP Ría de Arousa.

Durante o acto a conselleira do Mar agradeceu o labor dos grupos de acción local do sector pesqueiro, que se ten comprobado que son un instrumento útil para a xeración de emprego e de iniciativas innovadoras económicas e empresariais. “Son ferramentas de cohesión territorial que permiten mellorar a economía das súas comunidades e fixar a poboación nas contornas costeiras”, salientou Rosa Quintana.

Neste sentido, a representante da Xunta lembrou que nos últimos dez anos se aprobaron máis de 850 proxectos deste tipo froito do traballo duns grupos de traballo local dos que son socias máis de 360 entidades, entre elas 105 representativas do sector pesqueiro, que tecen unha rede na súa contorna en beneficio do seu territorio. Estes proxectos, incidiu, tiveron un impacto na economía galega desde 2016 que se traduce nunha contribución ao produto interior bruto de 94 millóns de euros e preto de 2.000 empregos a tempo completo.“Con estes proxectos conseguimos reforzar a nosa identidade e pór en valor a cultura mariñeira e o patrimonio ligado ao noso mar. Continuaremos apoiando a pesca costeira artesanal dando a coñecer o atractivo das profesións marítimas, atraendo o talento dos máis novos para favorecer o relevo xeracional e reforzando o papel do sector na protección dos recursos naturais”, salientou Rosa Quintana, que subliñou a importancia de favorecer o crecemento azul e unha verdadeira economía circular.

Os premios Economía Azul teñen carácter bienal e están promovidos pola Consellería do Mar a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Con eles preténdese motivar a potenciais promotores a que presenten proxectos ao abeiro do GALP, dar visibilidade ao traballo dos GALP nas zonas pesqueiras e recoñecer os mellores proxectos aprobados no marco das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) dos GALP que contribuíron ao desenvolvemento sustentable das zonas pesqueiras.

A gala de entrega de premios estivo conducida polas actrices Marta Pérez e Diana Sieira de Inversa Teatro e, tralo acto de entrega de galardóns a todos os distinguidos polo seu traballo, contou cun peche musical a cargo de Davide Salvado.

Elección dos premiadosOs finalistas que optaban ao galardón foron seleccionados por unha comisión encargada de escoller tres proxectos por cada categoría entre as propostas presentadas polos GALP. Os criterios desta selección estiveron determinados polos beneficios que os proxectos son capaces de xerar para o sector pesqueiro; a súa contribución á creación de emprego nas zonas pesqueiras; o reforzo da identidade, a cultura e o patrimonio local da zona pesqueira; os elementos innovadores no contexto local; a creación de oportunidades para mulleres e mozas/os no sector pesqueiro ou marítimo; e a contribución a unha economía circular.

Ademais, para a elección dos proxectos gañadores, houbo unha votación pública entre os días 1 e 20 de outubro na que participou a cidadanía a través da web https://galp.xunta.gal/. Os galardóns non teñen dotación económica, pero supoñen un recoñecemento público para os proxectos destacados en cada unha das categorías.

Os proxectos gañadores desta segunda edición dos premios Economía Azul foron:Mellor proxecto de apoio á pesca costeira artesanal ‘Do mar á mesa: Depuración e punto de venda’. Confraría de Pescadores de Cedeira. (GALP A Mariña – Ortegal).

Este proxecto promovido pola confraría de pescadores de Cedeira consistiu na posta en funcionamento dunha instalación con equipamento técnico para depuración, embolsado, etiquetaxe e venda directa de bivalvos vivos na lonxa de Cedeira para optimizar as condicións de comercialización de moluscos bivalvos proporcionando valor engadido ao produto e repercutindo no incremento da competitividade do sector marisqueiro, tanto da confraría de Cedeira como das do resto da zona de Ortegal.

Mellor proxecto de creación de emprego: ‘Albergue Estela do Mar’. Estela do Mar Sociedade Cooperativa Galega. (GALP Ría de Vigo-A Guarda).

O albergue está promovido por unha cooperativa formada por catro persoas co obxectivo de estimular a economía da zona e reforzar o seu atractivo ofrecendo aloxamento en pleno centro de Baiona. A entidade promotora colabora coa confraría local ofertando aos clientes visitas á lonxa e trata de implicar tamén aos axentes de sectores vencellados ao mar nesa promoción. Entre eles atópanse a praza de abastos local, visitas guiadas ao Museo da Navegación ou prácticas de deportes náuticos e outras opcións que buscan mellorar a actividade turística e mariñeira de Baiona.

Mellor proxecto de diversificación:‘Obras de Restauración do Dique da Cabana e a súa contorna’. Concello de Ferrol. (GALP Golfo Ártabro Norte).

Este proxecto foi impulsado polo Concello de Ferrol para recuperar o dique de mareas da Cabana, unha obra única de enxeñaría hidráulica do século XIX. Na actualidade representa un dos poucos exemplos que existen de diques de marea e, pola súa singularidade, pode converterse nun elemento de atracción de turismo mariñeiro á vez que posibilita a recuperación de métodos de construción tradicionais e sustentables. Esta iniciativa supuxo tamén a creación dun espazo de interpretación das actividades e as tradicións mariñeiras e a recuperación do bordo marítimo litoral, mellorando as condicións medioambientais da ribeira da ría ferrolá.

Mellor Proxecto de innovación local‘Planta de produción de aceite de microalgas’. CARBIOTECH SLU (GALP Costa da Morte).

Esta iniciativa implica a creación dunha empresa de produción de aceite a partir de microalgas no concello de Carballo. Mediante a obtención dun concentrado vexetal mariño con alto contido en DHA (Omega 3) e co emprego dunha tecnoloxía innovadora, ese aceite poderá comercializarse como ingrediente na fabricación de produtos nutracéuticos e como materia prima para alimentos nos que sexa necesario un enriquecemento con DHA, que actualmente se obtén principalmente do peixe.

Mellor proxecto de economía circular‘Produción de mallas protectoras biodegradables para o cultivo de mexillón’. Ecoplas Barbanza SL (GALP Ría de Arousa).

O proxecto promovido por Ecoplas Barbanza SL consiste na fabricación dun sistema de protección para as cordas de mexillón con polímeros biodegradables e compostables que protexen o molusco da acción depredadora dos peixes. Estas medidas de protección xa se empregan con éxito noutros países pero esta iniciativa incorpora os polímeros biodegradables e compostables para facer que o sistema sexa totalmente compatible co sistema de produción do mexillón galego buscando a protección do medio ambiente. Co emprego destes novos elementos na fabricación das cordas tamén se potencia o selo de mexillón ecolóxico ao cumprir coa normativa do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre