Inicio Galicia Preto de 25.000 persoas participaron nas visitas e actividades de observación astronómica...

Preto de 25.000 persoas participaron nas visitas e actividades de observación astronómica realizadas no 2018 en Illas Atlánticas

0

A participación nas diferentes accións organizadas no marco do programa ‘Starlight’, que busca protexer os ceos nocturnos a través de actividades divulgativas e do fomento do turismo sustentable, bateu un récord en 2018, ao rexistrar un aumento do número de asistentes do 140% nos dous últimos anos


Case 25.000 persoas participaron en 2018 nalgunha das actividades, visitas guiadas e diferentes accións organizadas no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia no marco da iniciativa Starlight, un sistema de certificación turística a nivel mundial que busca a protección dos ceos nocturnos mellor preservados fronte á contaminación luminosa ao tempo que se tenta potenciar o turismo arredor destes valores naturais.

Cómpre lembrar que o arquipélago das Cíes foi declarado destino turístico Starlight no ano 2016. Desde entón, o número de actividades que buscan difundir e promover a observación das estrelas desde as illas non deixou de medrar. Así, as 23.662 persoas que visitaron as Cíes este ano para participar nalgunha destas actividades– promovidas por entidades de divulgación astronómica en colaboración coa dirección do parque nacional- representan unha cifra récord e reflicten o crecente interese por este tipo de prácticas. En concreto, a cifra de participantes pasou dos 9.740 de 2016 aos 15.390 de 2017 e aos case 25.000 contabilizados no que vai de 2018, é dicir, un 140% máis de participación que hai dous anos.

Aínda que o groso das actividades concentráronse nas Cíes, con 22.632 asistentes, o resto de illas do arquipélago tamén ofertaron distintos tipos de accións relacionadas coa observación astronómica. Así, no caso de Sálvora, 560 persoas participaron este ano en actividades grupais organizadas no marco do Starlight, en Ons contabilizáronse outras 315 visitas e en Cortegada, 155.

Cómpre subliñar que este tipo de turismo astronómico sostible perfílase cada vez máis como un importante elemento da actividade socioeconómica e cultural do parque nacional e dos concellos da súa área de influencia. De aí a firme aposta que se ten feito nos últimos anos no marco do Starlight co fin de promover e dar a coñecer o potencial turístico das illas a través da observación dos seus ceos nocturnos.

Destino ‘Starlight’ avaliado polo UnescoOs destinos turísticos Starlight, avaliados pola UNESCO e recoñecidos pola Fundación Starlight -entidade de ámbito internacional vinculada ao Instituto Astrofísico de Canarias-, son lugares visitables que gozan de excelentes calidades para contemplar os ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para actividades turísticas desenvolvidas arredor deste recurso natural.

O Sistema de Certificación Turística Starlight creouse co obxectivo de fomentar a mellora da calidade das visitas e a protección dos ceos nocturnos nunha serie de espazos seleccionados polas súas excepcionais condicións. Neste sentido, coa concesión deste selo búscase axuntar ciencia e turismo a través da astronomía e da visión do firmamento como ferramentas para fomentar unha nova forma de turismo intelixente.

Cómpre lembrar que o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia tamén recibiu a finais de 2015 a Carta Europea de Turismo Sustentable (CETS) en recoñecemento ao seu compromiso activo co desenvolvemento dunha actividade turística respectuosa e de calidade.

Achegar ao público en xeral a observación das estrelas e a divulgación sobre os seus valores, unha das claves das iniciativas Starlight, enmárcase tamén nos obxectivos da CETS, que busca mellorar a calidade da oferta turística do arquipélago, facéndoa compatible coa conservación dos seus valores naturais. Neste sentido, desde a dirección do Parque Nacional estase a traballar tamén coas empresas que colaboran na Carta Europea para desenvolver produtos turísticos baseados na contemplación do ceo nocturno e as estrelas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre