Inicio Galicia Preto de 200 entidades optan ás axudas da nova liña da Xunta...

Preto de 200 entidades optan ás axudas da nova liña da Xunta para a organización de congresos co gallo do Xacobeo 21

0

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, avanzou hoxe o éxito de participación nesta convocatoria dotada con 500.000 euros

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, anunciou hoxe que preto de 200 organizacións presentaron as súas solicitudes á nova liña de axudas posta en marcha pola Xunta de Galicia para impulsar o turismo de encontros e eventos na nosa Comunidade. Trátase dunha convocatoria dotada con 500.000 euros que ten como obxectivo potenciar co gallo do Xacobeo 21 a actividade congresual, un ámbito especialmente importante no modelo turístico galego pola súa capacidade desestacionalizadora e por fomentar un turismo de alto valor engadido.

O titular de Cultura e Turismo da Xunta explicou que as entidades beneficiarias desta nova liña de axudas, que pechou a pasada semana o prazo para concorrer, poderán recibir entre 2.500 euros e 25.000 euros en función de criterios como o tipo de evento, o número de asistentes, o mes de celebración, o seu ámbito xeográfico ou a existencia de actividades complementarias. “A finalidade é incentivar máis a aqueles congresos que se realicen nos meses de tempada baixa e que nos axuden a seguir avanzando no noso obxectivo de potenciar Galicia como destino neste segmento”, subliñou Román Rodríguez.

Esta aposta enmárcase no compromiso da Xunta por impulsar este sector, materializado en accións como o proxecto Galicia MICE, impulsado polo Clúster de Turismo co apoio do Goberno autonómico para fomentar o turismo de reunións, incentivos, congresos e eventos.

Precisamente neste marco, un grupo de empresas procedentes de varios países europeos está visitando esta semana Galicia nunha viaxe de familiarización. O conselleiro compartiu na Cidade da Cultura un encontro de traballo con profesionais de Reino Unido, Francia, Portugal e doutros puntos de España. O obxectivo é que coñezan os recursos e as potencialidades de Galicia neste campo e establecer novas redes de negocio.

O Ano Santo como oportunidadeNeste encontro, no que tamén participaron representantes do sector galego, Román Rodríguez lembrou que o chamado turismo MICE é un recurso de gran importancia, e que ten no Xacobeo 21 unha oportunidade estratéxica de crecemento, pois este potenciará que numerosos colectivos pensen en Galicia para realizar seminarios ou convencións.

Ademais da súa capacidade para descentralizar e desestacionalizar a oferta turística, estímase que este sector move preto de 60 millóns de euros cada ano, xerados a través de más de mil eventos de diferentes tamaños. Segundo datos da Asociación de Organizadores Profesionais de Congresos (OPC Galicia), estes turistas realizan un gasto medio de 250 euros diarios. Como salientou o conselleiro, estas cifras, sumadas ao feito de que son visitantes susceptibles de repetir a súa viaxe fora do ámbito laboral, fan que sexa un perfil de turista de especial interese para destinos como as diferentes cidades galegas.

Despois de que A Coruña acollera onte a primeira xornada de traballo, as actividades continúan durante todo o día de hoxe en Santiago, onde esta tarde rematará cunha celebración para poñer en valor a relevancia desde sector. Será, a partir das 20,30 horas, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, coa asistencia da directora de Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, en representación do Goberno autonómico.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre