Inicio Galicia Preto de 2.000 menores de 21 anos da provincia de Ourense viaxan...

Preto de 2.000 menores de 21 anos da provincia de Ourense viaxan de balde no autobús interurbano da Xunta coa tarxeta ?Xente nova' tras dous meses e medio de funcionamento

0
image_gallery.jpg

O maior número de usuarios mozos nesta área pertence á capital da provincia, con 728 dispositivos, seguidos polos 340 de Barbadás


Preto de 2.000 menores de 21 anos das provincias de Ourense están a viaxar xa de balde no autobús interurbano da Xunta coa tarxeta ‘Xente Nova’, tras cumprirse dous meses e medio da implantación deste dispositivo.

A tarxeta ‘Xente Nova’ é unha iniciativa social de fomento do transporte público que a Xunta puxo en marcha no ano 2016 nas áreas de transporte metropolitano para permitir a gratuidade no transporte público a menores de 19 anos. O pasado 1 de xaneiro ampliouse a cobertura do dispositivo ata os menores de 21 anos e, o pasado mes de xuño, a Xunta puxo en marcha este dispositivo na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra.

Esta primeira fase da ampliación territorial no transporte público dependente da Xunta, forma parte da renovación integral das liñas de transporte público interurbano de Galicia, que se desenvolverá de forma progresiva ata acadar o conxunto da comunidade.

Máis en concreto, desde a segunda quincena de xuño e ata esta semana, estánse a beneficiar da gratuidade do transporte 1.838 menores de 21 anos da provincia de Ourense, encabezando o número de usuarios os mozos e mozas da capital, onde se expediron 728 dispositivos, seguidos dos seus veciños de Barbadás, con 340 tarxetas Xente Nova distribuídas. Nesta lista, séguenlle os usuarios dos municipios de Xinzo de Limia (93), Verín (61) e Allariz (49 tarxetas Xente Nova expedidas).

En canto ás viaxes realizadas desde a implantación do dispositivo ‘Xente Nova’ nesta provincia, desde mediados de xuño e ata o 31 de xullo, o número ascende ata un total de 2.281, sendo os traxectos máis empregados os de ida e volta entre Ourense-Barbadás e as conexións entre Ourense e Allariz.

Tarxeta TMGA implantación total do Plan de Transporte Público está a permitir estender ademais ao conxunto dos usuarios do autobús interurbano da provincia de Ourense as vantaxes da Tarxeta de Transporte Metropolitano (TMG), cun 10% de desconto en todas as viaxes.

Os datos destes primeiros meses de extensión da tarxeta de Transporte TMG, reflexan que na provincia de Ourense, onde está a funcionar este dispositivo tamén desde o pasado 15 de xuño, xa beneficia a 1.376 usuarios.

Deste xeito, coincidindo coa posta en funcionamento destes novos contratos, os usuarios das liñas destas áreas teñen tamén á súa disposición un novo bono de ata 50 viaxes mensuais, independentemente de que sexan de ida ou de volta, que supón un desconto do 50% do custo de cada unha das viaxes sobre a tarifa das empresas.

A posta en marcha do Plan de Transporte Público en Galicia, no que a Xunta vai investir máis de 70 millóns de euros ao ano para o seu mantemento, inclúe máis paradas e mais servizos e tamén supón aplicar unha tarifa homoxénea en toda Galicia. É dicir o custo do percorrido por quilómetro será igual en toda Galicia, de aí que as tarifas varíen segundo o número de quilómetros dos traxectos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre