Inicio Galicia Preséntase en Santiago a obra gañadora do XVIII Premio de Ensaio Ramón...

Preséntase en Santiago a obra gañadora do XVIII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro

0

‘Os amorodos de Bergman’, de Fernando Redondo Neira, impúxose en decembro a outros nove orixinais que concorreron ao galardón convocado pola Editorial Galaxia e a Consellería de Cultura e Turismo en colaboración con Naturgy

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, participou este serán na presentación na libraría Couceiro de Os amorodos de Bergman, obra de Fernando Redondo Neira gañadora do XVIII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro que convocan a Consellería de Cultura e Turismo e Editorial Galaxia en colaboración con Naturgy. O dito premio estaba dotado con 3000 euros e a publicación do ensaio gañador.

Valentín García indicou que nos 18 anos de Premio de Ensaio Ramón Piñeiro “téñense publicado traballos rigorosos e á vez amenos dos temas máis variados, o que dá mostra da versatilidade deste xénero que sempre se considerou tan importante para o prestixio dunha literatura e o desenvolvemento dunha lingua, este xénero que queremos potenciar e que enriquecemos cada ano con ensaios tan suxestivos como o de Fernando Redondo que hoxe ve a luz”. Xunto co secretario xeral, interviñeron na presentación Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, e o autor da obra.

O ensaio Os amorodos de Bergman amosa, en palabras do xurado que o pasado decembro lle outorgou o XVIII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro, “unha ollada do universo do cinema feita a partir dunha experiencia galega, a Asociación dos Amigos do Campo que, nas primeiras décadas do século XX, recolleu no celuloide paisaxes e momentos de socialización coa descuberta da natureza como contexto. O traballo sitúase no momento en que Galicia se abría ao Modernismo. Daquela, ten valor histórico, antropolóxico, semiótico, artístico e memorialístico desde unha posición filosófica e tecnolóxica que sitúa a Galicia nos albores da Historia universal da cinematografía".

O seu autor, Fernando Redondo Neira, é licenciado en Ciencias da Comunicación pola Euskal Herriko Unibertsitatea e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela; desde abril deste ano, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, membro da Asociación Española de Historiadores do Cinema e da Asociación Galega de Investigadores da Comunicación.É autor do libro Carlos Velo. Itinerarios do documental nos anos trinta (2004) e coordinador do volume Cidadanía e documental. En 2018, ademais do Premio Ramón Piñeiro, recibiu o Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, concedido pola Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, polo artigo Derivas e encrucilladas no novo cinema galego, publicado na revista Tempos Novos.

Desde a súa creación, no ano 2000, o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro conta cun total de 18 autores e obras publicadas: Basilio Lourenço Fondevila (A submisión das masas. Do poder do progreso ao progreso do poder); Anxo A. Rei Ballesteros, (Tempo e vinganza); Xosé Luís Barreiro Rivas (A terra quere pobo); Teresa Moure (Outro idioma é posible), Rebeca Baceiredo (O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo), Ramón Area Carracedo e Alexandre García-Caballero (Psicopatoloxía do retorno), María López Sández (Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio), Xosé Ramón Quintana Garrido (Un longo e tortuoso camiño), Manuel Pérez Rúa (Domingos de calcetíns brancos. Retrato do cambio social na xeración de 1950), Ramón Máiz (A arte do imposible), Teresa Moure (Queer-emos un mundo novo), Xaime Subiela (Para que nos serve Galiza?), José María Durán Medraño (Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer nun diálogo con Karl Marx), Luís García Soto (Barthes filósofo), Santiago Lamas e Alfonso Mato (De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de Nós ao cabo do mundo), Rafael Quintía Pereira (Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia), Xosé Constenla (O colapso territorial en Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país’) e Fernando Redondo Neira (Os amorodos de Bergman).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre